Ir o contido principal

O Consello de Goberno aprobou o recoñecemento de antigüidade do persoal investigador e de apoio á investigación

Xuntanza do Consello de Goberno no Centro de Estudos Avanzados
A xuntanza celebrouse no Centro de Estudos Avanzados en réxime de presencialidade. Foto: Santi Alvite
Aprobou tamén a planificación complementaria de PDI para este curso, que corrixe á alza o número de prazas a cubrir, un total de 60. É unha actuación incluída no Plan 19-22 que busca avanzar no proceso de relevo xeracional, así como na estabilización e promoción do persoal docente
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello de Goberno aprobou este venres o acordo para o recoñecemento de antigüidade do persoal investigador e de apoio á investigación da USC.  Con efectos económicos dende o 1 de setembro, o acordo abrangue a persoal predoutoral  FPI, FPU e da Xunta, así como beneficiarios/as de contratos posdoutorais Ramón y Cajal, Marie Curie, Juan de la Cierva e da administración autonómica. Este acordo recolle tamén a posibilidade da súa aplicación a calquera outro persoal contratado pola Universidade compostelá sen marco regulatorio específico.

Deste xeito, este persoal poderá solicitar o pago de retribucións por antigüidade (trienios) con efectos inmediatos se ben se establece un réxime transitorio que posibilita que as persoas incluídas neste colectivo que sumen máis de tres anos de contrato en calquera universidade ou administración pública poidan solicitar o abono deste complemento. A partir de xaneiro de 2022, con seis anos traballados ou máis percibirán o importe de dous trienios. En 2023 aboaranse ata tres trienios; en 2024, un total de catro; e a partir de 2025, todos os que correspondan. Polo que respecta ao impacto económico da medida, o Consello acordou igualmente que a USC solicitará que as futuras convocatorias neste eido recollan por parte dos organismos convocantes a asunción dos custes de antigüidade de cada posto ofertado.

Esta medida representa un novo chanzo na xestión do persoal investigador na USC cando se cumpre un ano do acordo asinado coas organizacións sindicais con representación na USC para definir un novo marco laboral para o persoal investigador e de apoio á investigación. Coa súa sinatura, a de Santiago converteuse nunha das primeiras universidades do Estado que achega unha proposta máis alá do marco normativo xeral para regular a actual situación do persoal investigador con cargo a proxectos e que está aberta a futuros desenvolvementos que amplían o seu marco.

Renovación do cadro de PDI

En materia de Persoal Docente e Investigador (PDI), o órgano colexiado aprobou tamén a planificación complementaria deste colectivo para o curso 21-22 coa que se pretende corrixir á alza a proposta de actuacións en materia de persoal docente para 2021. Esta planificación desenvolveuse sobre unha estimación inicial de 50 baixas de profesorado, se ben cos datos reais, engadindo as xubilacións non forzosas comunicadas recentemente, permite atender a cobertura de 60 docentes.  

Esta nova actuación avanza nun proceso de relevo xeracional a través de medidas que aseguran unha correcta relación entre os recursos humanos dispoñibles e as obrigas docentes da actividade docente cotiá. A planificación complementaria agora en desenvolvemento forma parte dun plan plurianual, comprendido entre 2019 e 2022, que permitiu nestes anos a dotación de 150 prazas de profesorado axudante doutor como vía de incorporación principal para o desenvolvemento da carreira académica. A estas sumouse a incorporación de 24 docentes máis a través de distintas convocatoria para a incorporación de recursos humanos noutras figuras de profesorado. O plan tamén contempla a estabilización do profesorado temporal (coa creación de 55 prazas de profesorado contratado doutor) e a promoción (a través da creación de 114 prazas de profesorado titular e 97 de catedrático).

Tamén no apartado do PDI, o Consello aprobou os sexenios de profesorado contratado, os recursos relativos a sexenio de transferencia e os complementos retributivos autonómicos da convocatoria 2020.

Xestión e usos de espazos

Outro dos aspectos tratados na xuntanza deste venres foi o regulamento de xestión e uso de espazos da USC, un documento que establece os criterios xerais para a organización, distribución, xestión e asignación de espazos nos centros, servizos, unidades e infraestruturas universitarias, así como a súa disposición e uso controlado no tempo, cuxa titularidade  corresponda  á  USC e que formen parte do seu patrimonio inmobiliario.  Inclúese  igualmente  o  uso  de  espazos  polos  órganos  estatutarios  e  polas  entidades vinculadas  ou  dependentes  da  USC, así  como a   organización,  xestión e uso daqueles espazos cedidos por outras institucións públicas ou entidades privadas.

O Consello aprobou tamén a creación do Centro Interuniversitario ‘Economics and Business Administration for Society’ (ECOBAS), concibida a partir dunha estrutura supragrupal de investigación integrada por persoal investigador das tres universidades galegas e a única das súas características no ámbito das Ciencias Sociais, concretamente nos eidos da Economía e a Empresa. Tamén foi aprobado a Cátedra institucional RTVE da USC sobre Medios de Servizo Público en Europa que traballará na divulgación da investigación aplicada no relativo aos informativos e ao valor público deste grupo de medios.

Outros asuntos

A orde do día da xuntanza completouse coa modificación do convenio de creación e do regulamento de réxime interno do CISPAC, unha modificación do título propio Diploma Superior en Xestión Hoteleira, o regulamento do TFM en Nanociencia e Nanotecnoloxía, a proposta de aprobación de tarifas do CiQUS ou a modificación da RPT de PAS.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2023.