Ir o contido principal

O Consello de Goberno avanza na especialización e racionalización da oferta docente da USC

Reunión do Consello de Goberno. Foto: Santi Alvite
Reunión do Consello de Goberno. Foto: Santi Alvite
As futuras propostas de novos graos e mestrados deberán ter en conta a singularidade dos campus, de forma que permitan unha certa especialización e complementen tanto a oferta global da USC como a xeral do SUG
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello de Goberno da USC abordou este xoves os criterios para a tramitación de novas propostas e modificacións de plans de estudos oficiais de grao e máster, así como de programas de doutoramento e o seu calendario. As futuras propostas de novos graos e mestrados deberán ter en conta, tal e como establece o documento que recolle os criterios, a singularidade dos campus, de forma que permitan unha certa especialización e complementen tanto a oferta global da USC como a xeral do SUG. Atender necesidades emerxentes tanto desde o punto de vista académico como social e laboral é outro dos criterios chave á hora de tramitar novas propostas neste eido.

No relativo ao doutoramento, daráselle prioridade aos programas multidisciplinares que resulten máis atractivos e permitan optimizar os recursos do PDI, incluídas as agrupacións de varios programas nun novo programa. Neste senso, unha das accións que pretende acometerse é a racionalización da oferta dos estudos de doutoramento en base aos indicadores de calidade e ás necesidades do tecido investigador e económico. Un dos mecanismos dispoñibles para a actualización e racionalización da oferta académica de ditos estudos poderá ser a redución do número de programas ofertados, agrupando os que teñen liñas de investigación complementarias. Isto permitirá o fortalecemento e maior cohesión de ditos programas cara o proceso de acreditación, a consecución duns indicadores máis estables e o enriquecemento derivado da transferencia de coñecemento entre os grupos de investigación da USC.

A adscrición funcional a efectos de docencia das materias das titulacións de grao e máster a áreas de coñecemento foi outro dos temas aprobados nesta xuntanza do Consello, no que tamén se tratatou a creación da Cátedra Institucional de Cronicidade foi outra das cuestións abordadas. Esta Cátedra é unhas das primeiras da súa natureza e constitúe unha iniciativa que pon á persoa con enfermidades crónicas no centro da atención sanitaria e no centro do discurso. Dirixida polo profesor Antonio Pose, xefe de servizo de Medicina Interna do CHUS, a Cátedra conta como asesor técnico co doutor Rafael Bengoa, codirector do Institute for Health and Strategy e ex-conselleiro de Saúde do Goberno Vasco. Esta iniciativa promoverá debates ao redor do uso das novas tecnoloxías, os cambios de funcións nos profesionais clínicos, o papel crecente do paciente e a integración de coidados, entre outros.

Convenios O Consello deu luz verde a diferentes convenios, entre eles, ao asinado co Banco Santander que establece a colaboración en diferentes ámbitos relacionados coa investigación, a docencia, a internacionalización, a xestión académica e outros eidos vinculados coa actividade universitaria. O convenio coa empresa JobTeaser para autorizar e regular a utilización do Career Center por parte da USC, así como o convenio entre o Servizo Galego de Saúde-SERGAS e a Universidade, relativo á Unidade Docente de Enfermería Obstétrico-Xinecolóxica (Matrona), ata 2022, foron tamén aprobados polo Consello deste xoves.

Outros temas A convocatoria e comisións de selección de prazas de profesorado con vinculación permanente foi outro dos temas tratos polo Consello xunto co adiamento da convocatoria de concursos de prazas de profesorado para a estabilización de persoal investigador procedente do programa Ramón y Cajal; a proposta de contratación interina de profesorado axudante doutor que finaliza contrato; os complementos por cargos de xestión da convocatoria 2018; e os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador correspondentes á convocatoria de 2018.

A convocatoria de Bolsas de Comedor do Servizo Universitario de Residencias (SUR) para este curso; o convenio de dobre titulación USC-Pontificia Universidad Católica de Valparaíso (PUCV); as memorias de estudos propios; a aprobación dos premios extraordinarios de doutoramento do curso 2017-18; a modificación da RPT de PAS; a proposta ao Consello Social, da modificación dos Estatutos da Fundación USC-Deportiva e da declaración como medio propio personificado e servizo técnico da USC; así como a renovación de representante da USC no Consello Escolar de Galicia que recae na figura da decana da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, Carmen Sarceda Gorgoso, pecharon as cuestións tratadas polo Consello.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.