Ir o contido principal

O Consello de Goberno propón crear en dous anos sete prazas de titular e tres de catedrático

O Consello de Goberno deu o seu visto bo este xoves á planificación do equipo de goberno da USC en materia de persoal docente e investigador funcionario para os vindeiros anos, condicionada pola taxa de reposición prevista. Así, acórdase crear catro prazas en 2013, unha delas de titular correspondente á convocatoria anulada en 2012 (en total, 16 prazas) e outras tres para investigadores con axuda Starting Grant, e 6 en 2014, das que 3 se corresponderían con titulares da convocatoria anulada e as outras con catedráticos. Por outra banda, acordouse de maneira extraordinaria convocar concursos para a cobertura interina das prazas de contratado doutor creadas para dar estabilidade aos investigadores das convocatorias Parga Pondal de 2007 e 2008 e Ramón y Cajal 2008. Outros asuntos Na xuntanza votouse favorablemente a creación da nova área propia de coñecemento en Optometría. Xa pola tarde someterase a valoración a creación doutra en Ciencias da conduta e das organizacións, así como o nomeamento e prórrogas de docentes/investigadores Ad honorem, as memorias dos centros de investigación, a proposta de recoñecemento de créditos ou o nivel de idiomas e acreditación da lingua estranxeira para a obtención do grao, entre outras cuestións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2013.