Ir o contido principal

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago reúnese este xoves

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago reúnese este xoves 5 para aprobar o límite de prazas nos graos e másteres universitarios así como o acceso a segundos ciclos no vindeiro curso 2011-2012. Tamén nesta xuntanza, que comezará ás 9:30 horas no Colexio de San Xerome, se tratará a convocatoria de prazas do Sistema Universitario de Residencias. Estudaranse ademais as prazas de PDI, os complementos por mérito docente en 2010 e complementos retributivos autonómicos, a avaliación da actividade investigadora de PDI contratado, a relación de memorias dos profesores con licenza por ano sabático e a convocatoria de axudas predoutorais financiados por grupos e de accións de mellora da docencia. A creación do centro propio de carácter mixto de investigación de estudos de responsabilidade social, goberno corporativo e protección do investidor da USC e a supresión do Instituto de Investigación de Informática son, xunto coa transformación da Escola Universitaria Relacións Laborais en Facultade, outros asuntos da orde do día deste xoves. A xuntanza complétase co regulamento de réxime interno de másteres, a convocatoria da Escola Infantil de Santiago e do Cheque Bebé en Lugo, o Plan Estratéxico da BUSC, a vinculación á USC da Escola de Altos Estudos Musicais, a proposta de normativa sobre deportistas de alto nivel e a modificación dalgunhas titulacións e dos regulamentos de adscrición e asignación .

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2011.