O Consello de Goberno da USC analiza a proposta de límite de prazas das titulacións para o curso 2007-2008
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago reúnese este martes, día 13, para analizar entre outros puntos a proposta de límite de prazas das titulacións para o curso 2007-2008. A xuntanza desenvolverase a partir das 9:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
Nesta xuntanza avaliaranse ademais diversos aspectos relativos cos Programas Oficiais de Posgrao (POP) como a modificación do apartado 6.1 do Regulamento de Estudos Oficiais de Posgrao, os criterios para a aprobación dos POP do curso 2008-2009, o calendario de presentación de propostas destes programas oficiais para 2008-2009 e a modificación do título de Máster en Historia Contemporánea, incluído no POP do mesmo nome.
A orde do día da xuntanza inclúe tamén a proposta de resolución de axudas a proxectos culturais para a Comunidade Universitaria e a convocatoria de axudas a proxectos culturais e a agrupacións culturais da USC para o presente curso. O Consello analizará ademais os criterios para a concesión de prazas de substitución de profesorado, a proposta de acordos sobre retribucións de antigüidade do PAS Funcionario Interino e a Relación de Postos de Traballo do PAS para publicar no DOG.
Outros asuntos a abordar serán a proposta de designación de representantes do Consello de Goberno no CETUR e no CIFEX así como a elección de membros nas comisións de Calidade e Planificación Estratéxica, de Doutoramento e de Posgrao Propio, así como a elección de representantes do Consello de Goberno no Consello Social e de membros das Comisións Delegadas do Consello de Goberno.
Esta xuntanza analizará o Plano Plurianual de Obras RAM, a participación nas fundacións do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL) e do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, a creación da Fundación Dieta Atlántica, a aprobación da venda de dúas patentes propiedade da USC á Sociedade de Inversores CIFGA e a ratificación dos regulamentos de Réxime Interno dos departamentos de Física da Materia Condensada e de Matemática Aplicada.
A listaxe de temas a tratar na xuntanza deste martes complétase coa modificación de cursos de posgrao propios, prazas de profesorado, cambios de dedicación, avaliación de méritos docentes, convenio entre a USC e o Concello de Santiago para a cesión de parcelas, convenios e doazóns.