Ir o contido principal

O Consello de Goberno da USC aproba os novos límites de prazas para 2012-2013

O novo límite –o curso pasado non o tiñan- nos graos de Matemáticas (120), Xeografía e Ordenación do Territorio (60), Enxeñaría de Procesos Químicos e Industriais (80) e Relacións Laborais e Recursos Humanos (65), estas dúas últimas en Lugo, a baixada en Medicina (de 400 a 300 a proposta da Facultade) e o aumento nos graos de Nutrición Humana e Dietética (de 40 a 60) e o de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural (de 30 a 35), os dous en Lugo, son as principais novidades nos límites de prazas nas titulacións da USC para o vindeiro curso académico, segundo o acordado este luns na xuntanza do Consello de Goberno da institución académica. O resto dos graos manteñen a súa distribución actual, en Santiago: Bioloxía (150), Administración e Dirección de Empresas (200), Economía (150), Ciencia Política e da Administración (125), Xornalismo (80), Comunicación Audiovisual (40), Pedagoxía (75), Educación Social (75), Mestre en Educación Infantil (80), Mestre en Educación Primaria (140), Dereito (180), Farmacia (200), Filosofía (65), Lingua e Literatura Españolas (50), Lingua e Literatura Galegas (50), Lingua e Literatura Inglesas (100), Filoloxía Clásica (25), Linguas e Literaturas Modernas (75), Física (100), Odontoloxía (40), Psicoloxía (150), Química (125), Historia da Arte (80), Historia (100), Enxeñaría Informática (60), Enxeñaría Química (60), Enfermaría (150), Óptica e Optometría (60), Relacións Laborais e Recursos Humanos (100) e Traballo Social (90). No Campus de Lugo, o grao en Administración e Dirección de Empresas ofertará 125 prazas, Lingua e Literatura Españolas 25, Enfermaría 68, Veterinaria 110, Mestre en Educación Infantil 90 e en Educación Primaria 90, Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural 80, Enxeñaría Civil 50, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural 80, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias 80 e Enxeñaría Xeomática e Topografía 50. Transferencia de coñecemento O órgano colexiado aprobou tamén a participación da USC en dúas novas empresas de base tecnolóxica xurdidas da actividade de grupos de investigación composteláns. Trátase de ‘Faz cultura_desenvolvemento_innovación’, cuxo inicio de actividades está programado para o vindeiro mes de marzo, e Biovía Consultor Ambiental, unha iniciativa xa constituída á que agora se suma a USC. En ambos os dous casos, a participación da universidade compostelá será polo 5% dos respectivos capitais sociais. Faz dedicarase á consultaría estratéxica no mercado lusófono empregando o coñecemento e as realidades lingüísticas e culturais dos países deste ámbito idiomático como instrumento transmisor de desenvolvemento económico con empresas e entidades galegas. A sociedade toma como punto de partida o coñecemento xerado en proxectos e actividades do grupo de investigación ‘Estudos dos sistemas culturais galego, luso brasileiro e africano de lingua portugesa’ (Galabra). Pola súa banda, Biovía busca levar ao mercado novas ferramentas ambientais baseadas na biomonitorización para a vixilancia e control do medio ambiente, comercializando técnicas de bioensaio da contaminación nos distintos ecosistemas terrestres e acuáticos, así como deseño e redes de biomonitorización local, urbana e rexional. Esta sociedade, xa constituída en 2009 coa cualificación de Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), ten a súa orixe na actividade científica do grupo Ecotox (Ecoloxía e Ecofisioloxía Vexetal) pertencente ao departamento de Bioloxía Celular e Ecoloxía da USC. Accións de mellora da docencia Dotar aos centros dun financiamento complementario que contribúa á mellora da calidade docente e ao desenvolvemento dos títulos tendo en conta os obxectivos recollidas nas súas memorias é o fin do programa de axudas, cuxas bases tamén tratou o Consello de Goberno este luns. Poderase subvencionar calquera acción que pretenda contribuír á mellora da calidade da oferta formativa do centro, especialmente aquelas propostas nos informes de seguimento dos títulos e/ou as xurdidas da posta en marcha do Sistema de Garantía Interna de Calidade do centro. Tamén serán obxecto de financiamento materiais ou equipos necesarios para seguir avanzando na aplicación das novas tecnoloxías á actividade docente. Outros puntos Na xuntanza celebrada este tarde en San Xerome, o órgano colexiado tratou tamén a participación da USC na Asociación Clúster de Agroecoloxía de Galicia, a modificación de titulacións do Centro Superior de Hostelaría de Galicia, novas propostas de másteres e programas de doutoramento ou complemento por mérito docente de 2011, entre outras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2012.