Ir o contido principal

O Consello de Goberno da USC aproba sete novos títulos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior

O Consello de Goberno da USC aprobou este xoves a proposta de graos en Medicina, Odontoloxía, Farmacia, Mestre en Educación Infantil e en Primaria, Traballo Social e en Nutrición Humana e Dietética, este último de nova creación. Os dous graos de Mestre en Educación Infantil e en Primaria, a impartir en Santiago e Lugo, substituirán aos catro anteriores de Educación Infantil, Primaria, Musical e Lingua Estranxeira.
A institución docente compostelá prosegue deste xeito a súa plena adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. As memorias aprobadas hoxe polo Consello de Goberno da USC terán que pasar a perceptiva verificación da Aneca.
Outros asuntosNa orde do día desta xuntanza tamén se incluíu as modificacións de titulacións de máster universitario, os complementos retributivos autonómicos, a regulación da mobilidade intercampus ou a adscrición funcional a efectos de docencia das materias de titulacións de grao a departamentos e áreas de coñecemento.
A prórroga do contrato das figuras de profesor axudante doutor e de profesor colaborador, a proposta de doutoramento honoris causa, cursos de posgrao propio, prazas de profesorado e cambios de dedicación completaron a orde do día desta xuntanza do órgano colexiado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2009.