Ir o contido principal

O Consello de Goberno da USC aprobou os plans de estudo dos títulos de Grao de Políticas e de Matemáticas

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago aprobou esta tarde, en sesión extraordinaria, as memorias de plans de estudos conducentes aos títulos de Grao de Políticas (27 votos a favor, 4 en contra e 2 abstencións) e Matemáticas (29 votos a favor, sen votos en contra e sen abstencións), a impartir xa o vindeiro curso académico, 2008-09. Na mesma xuntanza deuse o visto bo ao regulamento da USC dos intercambios interuniversitarios de estudantes.

Regulamento de intercambioA USC ten centralizada a xestión dos programas de intercambio na Oficina de Relacións Exteriores, pero ademais están afectados un número elevado de axentes da comunidade universitaria, o que fai necesario establecer os mecanismos de coordinación precisos así como a normativa que deberá regular o procedemento.

Por outra banda, os procesos de integración da xestión deben incorporar elementos de mellora da calidade que garantan unha información precisa e accesible aos estudantes e profesores que participan nos programas, facilitar o control do procedemento á ORE, axilizar a selección e cualificación nos centros, informatizar todos os procedementos dos axentes que participan nos intercambios que permitan incorporar toda a información do expediente de mobilidade dos estudantes ás unidades de Xestión Académica co obxecto de axilizar a certificación dos resultados dos alumnos dende e na USC así como establecer indicadores para a avaliación da calidade do proceso.

Para todo isto, a USC vén de aprobar un regulamento que será de aplicación tanto aos estudantes da USC que acceden a outras universidades coma aos doutras universidades que acceden á compostelá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.02.2008.