O Consello de Goberno da USC reúnese este mércores
O Consello de Goberno da USC reúnese este mércores 15 a partir das 9:30 horas en San Xerome para tratar asuntos de diversa índole. No que se refire a PDI estudarán os acordos sobre a prórroga de contratos de profesores asociados de réxime laboral e sobre contratos de interinos de substitución, a convocatoria de novas prazas, a mobilidade Intercampus, licenzas de ano sabático e as bases da convocatoria de programa internacional de formación de investigadores. En materia económica tratarase a memoria correspondente a 2010 e a programación plurianual de obra de reforma, acondicionamento e mellora, mentres que con relación aos estudantes se debaterá sobre as normativas de permanencia da USC e de avaliación do rendemento académico. Outros puntos da orde do día son a modificación de titulacións de grao e máster, a validación da resolución que actualiza o límite de prazas para o acceso, os criterios para aprobar novas propostas de másteres, o informe de execución do plan estratéxico PETIC II, a modificación da RPT do PAS e a presentación do procedemento para a elaboración do Plan Estratéxico.