O Consello de Goberno da USC reúnese este mércores no Colexio de San Xerome
O Consello de Goberno da USC reúnese este mércores, día 20, a partir das 9:30 horas no Colexio de San Xerome para analizar asuntos como a creación da Fundación USC Deporte e os seus estatutos, o modelo deportivo da USC ou a convocatoria 2007 de axudas para o desenvolvemento de accións de mellora da docencia no marco da constitución do Espazo Europeo de Educación Superior.
Na xuntanza analizaranse tamén os criterios de transformación de contratos temporais a indefinidos dos contratados doutores, a modificación de contrato de autores de teses e do procedemento de asignación de axuda á produción científica, a convocatoria de prazas e prezos da Escola Infantil Breogán para o vindeiro curso, normas de xestión académica, a actualización de prezos dos sobres de matrícula e do soporte de matrícula por internet para 2007-2008, e a modificación do calendario académico do próximo curso.
Outros puntos a tratar serán a modificación da normativa do apoio titorial extraordinario e da de Programas Oficiais de Posgrao, a ratificación dos regulamentos de réxime interno do Instituto da Lingua Galega e do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, cursos de posgrao propios, a normativa para a concesión de exención de docencia ou contratación de PDI substituído no marco de accións para a intensificación singular de actividades de xestión, docencia e investigación, desestimento de recursos e actualización de prezos, tarifas e outros económicos.
Completan a orde do día asuntos relacionados con prazas de profesorado, cambios de dedicación e localidade, comisións de servizo e prórrogas, axudas para estadías de visitantes, e a proposta de asignación de complementos retributivos autonómicos, entre outros asuntos.