Ir o contido principal

O Consello de Goberno da USC someterá a aprobación oito novas titulacións adaptadas ao EEES

Deste xeito, pecharíase a fase inicial do proceso de adaptación das distintas titulacións da universidade compostelá á nova estrutura de graos

O Consello de Goberno da USC someterá a aprobación o vindeiro luns 21 oito novos graos cos que se pecharía a fase inicial do proceso de adaptación das distintas titulacións da universidade compostelá á nova estrutura de graos. Concretamente, o Consello deberá pronunciarse sobre os graos en Dereito, Veterinaria, Comercialización e Loxística e nos de Enxeñaría en Xeomática e Topografía, Civil, das Industrias Agroalimentarias, Agrícola e do Medio Rural e Forestal e do Medio Natural.
A xuntanza do Consello de Goberno celebrarase no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome a partir das 9:30 horas incluíndo entre os asuntos a tratar as bases da convocatoria de axudas á investigación para 2010, a validación das convocatorias 2009 de recoñecemento de méritos docentes e de avaliación da actividade investigadora do persoal contratado, a creación da Estación do Courel a aprobación do seu Regulamento de Réxime Interno, a normativa de mobilidade intercampus ou o regulamento de adscrición funcional a efectos de docencia das materias das titulacións de máters a departamentos e áreas de coñecemento.
Completarán a orde do día a proposta de nomeamentos e prórroga como Profesor Ad Honorem, a modificación do Sistema Marco de Garantía Interna de Calidade da USC, a normativa de xestión de espazos, as tarifas da RIAIDT para 2010, a modificación do regulamento do Centro de Estudos Cooperativos, a elección de membros da Comisión Xeral de validacións e recoñecementos da USC ou a corrección da convocatoria 2008 de recoñecemento da actividade investigadora do persoal contratado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2009.