O Consello de Goberno da USC someterá a aprobación os orzamentos da USC para 2011
O Consello de Goberno analizará na súa xuntanza do vindeiro luns 14 os orzamentos da institución para 2011 así como o Plan de Sustentabilidade Financeira. A reunión comezará ás 9:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. O órgano colexiado deberá someter a aprobación ademais as memorias das cátedras institucionais da USC correspondentes a 2010, a modificación de titulacións de másteres universitarios e de novas titulacións de posgrao, a convocatoria de axudas propias de investigación para este ano, o regulamento do Comité de Bioética e o protocolo de seguridade de información. Na xuntanza tratarase tamén o nomeamento de representantes dos estudantes no Consejo de Estudiantes do Estado, o regulamento de réxime interno do Xardín Botánico da USC, a modificación da RPT de PAS e da concesión das exencións de matrícula a estudantes neste curso, a prórroga do nomeamento de profesora-investigadora ad honorem a Inmaculada Paz Andrade, o cambio de adscrición de centro do Departamento de Electrónica e Computación ou a proposta do nomeamento de vicedecanos/as da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Completando a orde do día, o Consello de Goberno analizará a transformación das escolas universitarias de Formación de Profesorado e de Enfermaría en facultades, a modificación dos estatutos do Colexio Maior Arosa, a adscrición funcional de materias de diferentes másteres implantados este curso a áreas de coñecemento ou a relación de cursos de posgrao propios.