O Consello de Goberno dá o visto ás obras de reforma e mellora na USC para estes dous anos
A vicerreitora de Economía e Financiamento, Sara Cantorna, presentou no Consello de Goberno a memoria económica da USC correspondente a 2010 que fixa o orzamento definitivo da institución para ese exercicio en 395.085.398 euros. A memoria recolle a información relativa á súa actividade económica así como á xestión desenvolvida en base á Programación Plurianual 2007-2010, nun ano con cambio no equipo de goberno e nun contexto de crise económica “que condicionou enormemente a execución do seu orzamento”. Segundo o documento, o orzamento de 2010 foi proposto á comunidade universitaria polo anterior equipo reitoral quen, “cun criterio de prudencia”, non estableceu uns obxectivos que comprometesen ao novo equipo que tomaría posesión a mediados dese exercicio. Isto, xunto coa contracción derivada da crise económica, obrigou a que o orzamento se orientase a garantir as políticas de persoal e a cumprir coas necesarias melloras estruturais, os compromisos de calidade da docencia e a investigación e os créditos relacionados co Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e as TIC. Obra RAM Tamén no terreo económico, o Consello de Goberno foi informado da programación de obras de reforma, acondicionamento e mellora para os anos 2011 e 2012 e que se prevé custará máis de tres millóns de euros. A escolla de accións a financiar neste apartado, logo de que cada centro fixese as súas peticións, priorizouse en base a criterios de seguridade, riscos altos e, en último lugar, a adaptación ao EEES. Foron cincocentas as solicitudes de obra realizadas polos centros da USC, de aí que a Vicerreitoría, en función do orzamento dispoñible, tivese que discriminar deixando en menos de duascentas as intervencións a acometer. No apartado de seguridade as reformas destínanse fundamentalmente ao acondicionamento de instalacións eléctricas, mentres que a descontaminación dos solos de Farmacia vén a ser a acción máis salientable das encadradas no epígrafe de riscos altos. Pola súa dimensión económica destaca tamén unha acción para a optimización enerxética nas facultades de Veterinaria e Administración e Dirección de Empresas de Lugo que conta co financiamento total da Xunta de Galicia. Neste mesmo orde de cousas, Novacaixagalicia achega unha partida á USC coa que se cambiarán as fiestras do Colexio de Fonseca. Campus Vida Parte das acometidas para corrixir riscos altos destínanse á mellora das condicións de seguridade en laboratorios de investigación, obras cuxo financiamento está asociado á partida económica do Campus de Excelencia Internacional Campus Vida, que tamén se ocupa de sufragar os gastos de mellora das residencias universitarias Burgo das Nacións e Monte da Condesa e do Colexio Maior San Clemente.
A partida de Campus Vida encargarase tamén de financiar intervencións de adaptación ao EEES en Ciencias da Educación (Campus Norte), Matemáticas, Psicoloxía, Dereito, Odontoloxía e na EPS.