Ir o contido principal

O Consello Social financia tres proxectos sobre detección precoz do cancro oral, enerxías renovables ou cartografía para todos os públicos

Convocatoria de axudas do Consello Social
Os responsables dos proxectos financiados presentaron no Consello Social da USC os detalles das súas propostas. Foto: Santi Alvite
A convocatoria de axudas deste órgano busca dar visibilidade a aquelas actividades desenvolvidas na USC co obxecto de impulsar a súa colaboración e a sociedade, atendendo a necesidades concretas e contribuíndo ao desenvolvemento social e económico
Lugo, Santiago de Compostela

Un seminario permanente de transición enerxética e competitividade industrial da USC (SPeRTUS), a busca de marcadores para a detección precoz de cancro oral na saliva e a iniciativa ‘Mapas divertidos. Achegando a xeografía aos máis novos’ son os tres proxectos que o Consello Social da USC apoia en 2021 dentro da súa convocatoria de axudas para dar visibilidade a aquelas actividades desenvolvidas no seo da institución académica co obxecto de impulsar a colaboración entre a USC e a sociedade.

Os proxectos financiados comparten como nexo común a súa capacidade para impulsar a cooperación da USC co seu contorno en distintos ámbitos, atendendo a necesidades concretas e contribuíndo ao desenvolvemento social e económico. En total o Consello Social da USC destina ao seu desenvolvemento 50.000 euros. O resultado desta convocatoria foi presentado este venres en rolda de prensa coa participación da presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra, así como do persoal investigador beneficiario das axudas. Así, interviñeron Luis Miguel Varela Cabo e Josefa Salgado Carballo, responsables SPeRTUS; Mª Mercedes Suárez Cunqueiro e  Rafael López López —a cargo da investigación sobre ‘Búsqueda de Biomarcadores para a detección precoz do Cancro Oral na saliva’—, aos que acompañou tamén Eloína Núñez, xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza; e Carlos Ferrás Sexto —coordinador do proxecto ‘Mapas divertidos. Achegando a xeografía aos máis novos’—.

SPeRTUS

A proposta dun Seminario Permanente de Transición Enerxética e Industrial na USC (SPeRTUS) parte da idea de que no novo contexto enerxético e económico, as enerxías renovables emerxen como as futuras fontes esenciais de enerxía. Neste senso o Seminario propón a organización de actividades e encontros de divulgación científica e tecnolóxica, integrando á administracións e aos sectores académico e empresarial no ámbito das tecnoloxías e infraestruturas de produción e acumulación enerxética, actuando como vector tractor de desenvolvemento e impulsando a sinerxía mutua.

Promovido polos docentes da Facultade de Física Luis Miguel Varela Cabo e Josefa Salgado Carballo, o Consello Social achega a este proxecto 8.720, 93 euros.

Biomarcadores

Como explicaron os seus promotores, os profesores da Facultade de Medicina e Odontoloxía Mª Mercedes Suárez Cunqueiro e Rafael López López, a súa proposta chega ante a ausencia de biomarcadores que poidan utilizarse para a detección de forma precoz do cancro oral. O obxectivo da súa proposta é avaliar se os perfís de metilación detectados no ADN da saliva, permiten discriminar pacientes con cancro oral de persoal sans. Nun primeiro momento, o proxecto traballará na selección de grupos de estudo, recollida de mostras de saliva e extracción do ADN. Posteriormente procederase a unha análise da metilación en dúas fases, descubrimento e validación. O proxecto estará dotado con 23.982,56 euros

Mapas divertidos

Carlos Ferrás Sexto, de Xeografía e Historia, propón un programa de actividades para impulsar a participación da sociedade, especialmente da poboación infantil e xuvenil galega, mellorando os seus coñecementos xeográficos, de xeito particular no eido da cartografía. A proposta financiada polo Consello Social con 17.296,5 euros estrutúrase en dúas partes: a celebración de talleres nos centros educativos de secundaria de todas as comarcas de Galicia e a celebración de xornadas de portas abertas na Universidade, concretamente na Facultade de Xeografía e Historia. De xeito paralelo ao traballo nos centros, poranse en marcha unha serie de mecanismos encamiñados a difundir, apoiar e complementar o contido do proxecto a través do deseño dunha páxina web e da difusión do proxecto a través de redes sociais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2022.