O Consello Social galardoa a Vanesa López Veiga como a alumna mellor valorada nas prácticas externas extracurriculares

O Consello Social da USC acaba de recoñecer a Vanesa López Veiga, alumna do Máster en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria da USC, como a estudante mellor valorada nas prácticas externas extracurriculares xestionados por este órgano.
Este premio, dotado con 1.500 euros, outorgarase dúas veces ao ano, coincidindo coas dúas convocatorias de prácticas extracurriculares en febreiro e setembro. Asemade, enmárcase dentro do compromiso do Consello Social de achegar a realidade laboral aos alumnos, complementando a súa formación teórica mediante prácticas en empresas, coa finalidade de promover a súa empregabilidade.
O Consello Social da USC, como órgano de participación da sociedade na Universidade, está implicada coa mellora da empregabilidade do estudantado da USC, co necesario desenvolvemento do sentimento de pertenza á institución e coa colaboración entre os sectores económicos e a Universidade.