Ir o contido principal

A conservación de hábitats naturais conecta Galicia con Euskadi

Comitiva do Life In Common Land con representantes do Life Oreka Mendian, no País Vasco
Comitiva do Life In Common Land con representantes do Life Oreka Mendian, no País Vasco
Comuneiros da Serra do Xistral, técnicos e investigadores da USC implicados no proxecto LIFE in Common Land visitan enclaves montañosos do País Vasco para coñecer a xestión dos pastos de montaña que se está a desenvolver en zonas limítrofes entre as provincias de Álava e Guipúzcoa ao abeiro do Life Oreka Mendian
Lugo

Unha delegación de comuneiros da Serra do Xistral, técnicos e investigadores implicados no Life In Common Land, un proxecto liderado pola Deputación de Lugo e no que participa a USC e a UDC, coñece as experiencias en xestión de pastos de montaña que se están a desenvolver no País Vasco no marco do Life Oreka Mendian, a través dunha visita técnica a este enclave que actúa como fronteira natural entre as provincias de Álava e Guipúzcoa.

O interese deste xornada técnica reside nos obxectivos comúns que comparten os dous programas Life, cuxa finalidade última é a de desenvolver estratexias axeitadas par favorecer a xestión do territorio e a conservación dos seus hábitats naturais sen renunciar ao seu aproveitamento socioeconómico. Os programas Life In Common Land e Oreka Mendian teñen a mesma filosofía, precisa o profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Ramón Alberto Díaz Varela.

Os dous proxectos tratan de harmonizar o aproveitamento sustentable e a conservación do territorio e dos seus hábitats naturais, explica o coordinador do Life In Common Land na USC, ao tempo que explica que a principal diferencia entre estas dúas actuacións, que contan con financiamento europeo, é que o hábitat da Serra do Xistral está conformado maioritariamente por matogueira e turbeiras, mentres que nesta rexión vasca cumpriría falar de hábitats máis herbáceos.

A comitiva galega desprazada ata Euskadi contou coa participación membros de oito comunidades de montes implicadas no Life In Common Land LICL (A Balsa, Cadramón, Frexulfe, Laxa Moura, Miñotos, Montouto, Santo Tomé de Recaré e Vilacampa), así como de técnicos e investigadores da USC e da UDC. A expedición, sinala Díaz Varela, resultou proveitosa para coñecer de primeira man o tipo de manexo gandeiro e as experiencias e iniciativas de conservación que se están a realizar nun amplo espazo da cornixa Cantábrica que forma parte da Rede Natura 2000, tal e como é o formado polo Parque Natural Aizkorri-Aratz, a ZEC Entzia ou o Parque Natural Gorbeia. Este intercambio de coñecementos resulta de especial interese cando estamos a falar de áreas que, coas súas singularidades e particularidades, comparten problemáticas e mesmo poden chegar a solucións parecidas, comenta Díaz Varela.

Visita ao parque natural Aizkorri-Aratz
Visita ao parque natural Aizkorri-Aratz
Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.05.2022.