O Consorcio financiará as obras de acondicionamento do río Sarela no tramo do Xardín Botánico da USC
O reitor da USC, Senén Barro, e o presidente do Consorcio de Santiago, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, asinaron este martes un convenio para o financiamento das obras de acondicionamento das ribeiras do río Sarela no tramo que afecta á actuación do Xardín Botánico da USC. Por este acordo, o Consorcio destinará un total de 250.000 euros.
Ambas as dúas entidades asinaron en decembro de 2004, e tras a expropiación dos terreos da primeira fase do Xardín Botánico, un convenio polo que a USC levaría a cabo as actuacións para a posta en marcha desta primeira fase. Xa en marzo de 2006 o Consello de Goberno universitario acordou crear o Xardín Botánico como servizo universitario de apoio á docencia e á investigación, modificando o proxecto inicial co fin de consideralo como unha infraestrutura máis de carácter urbano e científica.
As obras ás que se refire o acordo asinado hoxe, toda vez que o Consorcio toma coñecemento do Plano de Actuacións do Xardín Botánico da USC, deberán estar finalizadas a finais de decembro de 2009.
A superficie total do ámbito delimitado na primeira fase afecta a cinco parcelas cunha extensión de 41.204 metros cadrados. A superficie total obxecto de expropiación comprende un total de 102.787 metros cadrados, que corresponden a 148 parcelas privadas. O resto da superficie inclúe camiños públicos e o propio leito do río.