O consorcio internacional de I+D+i para a zona mediterránea presenta este mes no Campus Terra da USC o programa Prima
O Campus Terra da USC acollerá o vindeiro 21 de febreiro, a xeito de preámbulo da apertura do III Simposio Nacional e I Ibérico de Enxeñaría Hortícola, a presentación do programa PRIMA de I+D+i, un consorcio para a investigación e a innovación na zona mediterránea que conta cunha dotación orzamentaria de preto de 500 millóns de euros e cuxas liñas mestras serán expostas por Diego Intrigliolo, investigador do CEBAS-CSIC e punto de contacto deste programa en España.
Alxeria, Croacia, Chipre, Francia, Alemaña, Grecia, Israel, Italia, Luxemburgo, Malta, Portugal, Eslovenia, Turquía, Tunisia e España conforman este conglomerado de países, cuxa principal meta consiste na construción de capacidades de investigación e innovación para desenvolver coñecemento e iniciativas comúns e sustentables no eido agroalimentario. Ademais, a esta listaxe de países está previsto que se lles una Exipto, Líbano, Xordania e Marrocos.
PRIMA vén de publicar un pre anuncio do que será o call for papers que teñen pensado lanzar o vindeiro 8 de febreiro na súa web oficial e que estará organizado en dúas seccións. Na primeira delas, chámase tanto ás comunidades científicas da zona euro mediterránea e a entidades privadas a que presenten proxectos que produzan un impacto socioeconómico no futuro inmediato nos seguintes ámbitos temáticos: a reutilización e desalinización da auga na produción agroalimentaria; a mellora da sustentabilidade nos agro-ecositemas mediterráneos; ou a implementación das cadeas de produción agroalimentarias na zona mediterránea.
Na segunda das seccións, PRIMA convocará actividades de investigación e innovación baseadas nos regulamentos nacionais que serán financiados polos Estados participantes de entre nove liñas temáticas: fontes de auga axeitadas e de calidade en cuncas e acuíferos; manexo sustentable da auga; tecnoloxías e prácticas de irrigación; adaptación da agricultura ao cambio climático; prevención de enfermidades de animais e plantas; o desenvolvemento de sistemas de cultivo que creen emprego e contribúan ao desenvolvemento do territorio; valorización e caracterización da dieta mediterránea; seguridade alimentaria e cadeas de produción locais; ou o vínculo entre a dieta mediterránea e os beneficios para a saúde.
O orzamento total estimado para estas dúas seccións da convocatoria é de dezaoito millóns de euros aportados polos Estados da UE e trinta e dous, por parte doutros países.