Constatan a minimización do impacto ambiental grazas aos últimos avances no tratamento e valorización dos residuos sólidos
O crecemento global da poboación e do seu poder adquisitivo xunto ao aumento nas taxas de urbanización supoñen serios desafíos para os sectores implicados na xestión de residuos, nun tempo en que os recursos naturais necesarios para satisfacer a crecente demanda de servizos son cada vez máis limitados. Esta situación pon de manifesto a necesidade de establecer patróns de produción e consumo sostibles, á vez que mitigar os seus efectos derivados e garantir a protección ambiental e a saúde humana.
Diante desta situación, Isabel Noya López investigou na súa tese de doutoramento distintas alternativas, en consonancia coa Estratexia Europea de Economía Circular, para o peche do ciclo dos refugallos do sector agrícola e urbano, mediante a súa transformación en novas materias primas. O traballo, titulado ‘Sustainability diagnosis of alternative technologies for the management of agri-food and urban waste’ dirixíronllo a profesora María Teresa Moreira e a doutora Sara González, do grupo de investigación de Biotecnoloxía Ambiental do Departamento de Enxeñaría Química (Biogroup).
Na súa tese aplicáronse os principios da metodoloxía de Análise de Ciclo de Vida a diferentes casos de estudo en materia de xestión de residuos, en combinación con outras ferramentas internacionalmente recoñecidas pola comunidade científica, como por exemplo o Proceso Analítico Xerárquico para a toma de decisión multi-criterio. Deste xeito, a participación social e a viabilidade económica intégranse conxuntamente cos resultados ambientais para axudar a resolver as limitacións da toma de decisión para a xestión dos residuos.
Isabel Noya comprobou na súa investigación que moitos dos impactos no medio ambiente xa foron minimizados grazas aos avances recentemente desenvolvidos no tratamento e valorización dos residuos sólidos. En concreto, os resultados comparativos poñen de manifesto a supremacía do tratamento aerobio de compostaxe como a alternativa máis sustentable, en liña coas iniciativas Europeas máis recentes (Figura 1).
Non obstante, a xestión destes residuos aínda continúa sendo un desafío para a comunidade científica e a sociedade no seu conxunto. “É por iso que o espectro de tecnoloxías ha de seguir aumentando co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento económico, pero sen comprometer a calidade ambiental e o benestar público”, afirma a xa doutora.
Investigación internacional Todo o traballo da investigadora reflectiuse en diversas publicacións así como nun total de 10 traballos en revistas científicas internacionais Q1 do JCR como Bioresource Technology (Factor de Impacto: 5.807), Journal of Cleaner Production (FI: 5.651), Journal of Environmental Management (FI: 4.010) ou Science of the Total Environment (FI: 4.610).
Ademais, para a elaboración da tese Noya mantivo unha constante cooperación con outros centros de investigación estatais e internacionais como as Universidades de Brunel (Reino Unido), Ghent (Bélxica), Nazarbayev (Kazajstán), degli Studi di Milano (Italia), Autónoma de Barcelona ou Inèdit Innovació (Barcelona).
O tribunal que avaliou o traballo estivo formado polo catedrático de Enxeñaría Química da USC Gumersindo Feijoo, a catedrática de Enxeñaría Química e Biomolecular da Universidade de Cantabria Raquel Ibáñez Mendizábal e a investigadora post-doutoral do Departamento de Enxeñaría de Medio Ambiente da Escola Superior Agraria de Coimbra Celia María Dias Ferreira.