Ir o contido principal

Constitúese a plataforma InnoPharma para o descubrimento de fármacos innovadores

Constitúese a plataforma InnoPharma para o descubrimento de fármacos innovadores
Constitúese a plataforma InnoPharma para o descubrimento de fármacos innovadores
Un proxecto liderado polos profesores Ángel Carracedo e Mabel Loza cun financiamento próximo a dez millóns de euros

O grupo de investigación de Medicina Xenómica que dirixe o profesor Ángel Carracedo e o de BioFarma da profesora Mabel Loza, ambos os dous da USC, traballarán conxuntamente na validación de novas dianas terapéuticas e no descubrimento de fármacos innovadores, sobre todo nos ámbitos da psiquiatría e o cancro, “enfermidades que non teñen unha solución clara” e nas que máis teñen traballado estes equipos, como explicaron os investigadores. Para iso constitúese a plataforma InnoPharma, que conta cun financiamento en torno aos dez millóns de euros, na súa maior parte provenientes do Fondo Tecnolóxico Europeo. O proxecto presentárono este luns en San Xerome o reitor da USC, Juan Casares; o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra; e os profesores Ángel Carracedo e Mabel Loza, que coincidiron na importancia da valorización dos resultados de investigación para mellorar a competitividade de Galicia. A iniciativa está aliñada á estratexia estatal de innovación (E2I) e ao Plan galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (I2C). Precisamente InnoPharma é o primeiro proxecto concedido para contar cos citados fondos europeos, dos que aínda quedan 100 millóns sen asignar e aos que a USC presentou outros 17 proxectos innovadores atendendo á chamada da Xunta de Galicia o pasado ano. Como manifestou Casares, a Universidade de Santiago “quere achegar todo o seu valor neste novo escenario de financiamento de grandes oportunidades estratéxicas para a innovación e a creación de valor”. Neste sentido, InnoPharma -Plataforma de farmacoxenómica aplicada á validación de dianas terapéuticas e descubrimento de fármacos candidatos a fases preclínicas- aproveitará as sinerxías dos dous equipos de investigación altamente competitivos e complementarios no coñecemento de novos mecanismos das enfermidades e do descubrimento temperá de fármacos. A plataforma, que terá a súa sede no Centro singular de Investigación de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS), pretende constituírse nun referente internacional no sector que permita crear tecido produtivo fomentando a transferencia de coñecemento e impulsando a creación de novas empresas baseadas neste co propósito de aunar as capacidades público-privadas do sector biofarmacéutico (ata o momento 15 empresas mostráronse interesadas no proxecto) nun marco de innovación aberta. Trátase de desenvolver actividades de investigación aplicada para xerar candidatos a fármacos innovadores nunha contorna de colaboración internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.06.2012.