Ir o contido principal

Constitúese a Rede de Técnicos de Inserción Laboral de Lugo

Anxo Antón Queiruga Vila (COGAMI), Mª Carmen González LLoves (FAXPG), María José Blanco Freire (Down Lugo), Ginés F. Plaza Fernández (Cáritas), Juan Casares Long (USC), Pilar Iglesias Osorio (ASFEM/...
Anxo Antón Queiruga Vila (COGAMI), Mª Carmen González LLoves (FAXPG), María José Blanco Freire (Down Lugo), Ginés F. Plaza Fernández (Cáritas), Juan Casares Long (USC), Pilar Iglesias Osorio (ASFEM/...

Persoal técnico dos servizos de emprego de nove entidades do terceiro sector de Lugo baixo a coordinación da USC acaban de constituír a Rede de Técnicos de Inserción Laboral de Lugo (Rede TIL), concibida como foro de encontro, discusión e traballo para afondar no coñecemento mutuo de estratexias, modelos e formas de actuación que permitan mellorar o seu labor e acadar un maior grao de eficacia. A rede busca principalmente favorecer a inserción laboral dos usuarios das entidades participantes e sensibilizar e establecer liñas de cooperación co sector empresarial da provincia. Participan inicialmente nela a Área de Orientación Laboral do Campus de Lugo, a Asociación para o Desenvolvemento Sociocultural, Formación e Emprego (ASFEM), a Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural de Galicia (AFAMMER), Cáritas Diocesana de Lugo, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Cruz Vermella, Down Lugo, a Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA), a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), a Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES Galicia) e a Fundación Secretariado Xitano. A constitución da Rede TIL quedou formalizada este xoves tras a sinatura dun convenio na que participaron o reitor Juan Casares; a presidenta de ASFEM e representante de AFAMMER Galicia, Pilar Iglesias; o director de Cáritas Diocesana de Lugo, Ginés F. Plaza; o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga; a coordinadora de Cruz Roja Española, Ana González; a presidenta de Down Lugo, María José Blanco; a membro xunta directiva de FADEMGA FEAPS Galicia, Carmela González; a vicepresidenta de FAXPG, Mª Carmen González; a directora territorial en Galicia e representante de Fundación Secretariado Gitano, Eva Vera; e Nuria Fernández Castiñeira, da delegación de FEAFES Galicia en Lugo. No acto de presentación deuse conta do número cero do BoleTIL, publicación de información de carácter trimestral con novas do eido laboral e dos campos de actuación que abranguen. A Rede de Técnicos de Inserción Laboral constituíuse co acto formal celebrado na Vicerreitoría de Lugo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.11.2011.