Ir o contido principal

Constituíuse no CEA o Observatorio Galego do Territorio

O Centro de Estudos Avanzados da USC foi o escenario elixido para celebrar a sesión constituínte do Observatorio Galego do Territorio, grupo interdisciplinario de urbanistas, arquitectos, sociólogos, historiadores e economistas que ten por obxecto estudar, entender e facer propostas sobre o uso e xestión do territorio e o coidado da paisaxe.
Nesta xornada, que presidiu o reitor Senén Barro, o fiscal de Medio Ambiente da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e membro do Observatorio, Álvaro García Ortiz, pronunciou a conferencia ‘O caso ‘Prestige’, os primeiros momentos. A responsabilidade dos suxeitos do tráfico marítimo’. Xunto a eles tamén estiveron presentes, o profesor Gerardo Pereira-Menaut e a directora do CEA, a profesora Mª Xosé Rodríguez Galdo.
A intervención volveu poñer de actualidade o vertido de hidrocarburos procedentes do ‘Prestige’, hai sete anos, orixinando unha das maiores catástrofes ambientais que se recordan na costa española. Segundo os promotores desta xornada, non se trata dun feito aillado, “non era a primeira, nin previsiblemente será a última vez” que se repita unha traxedia deste calado.
Coa organización desta charla, o Observatorio pretende iniciar a súa actividade propiciando unha análise sintética das consecuencias para o territorio castigado polo vertido do ‘Prestige’ e avaliando algunha das actuacións levadas a cabo, tanto de estudo como de reparación. Defínese así un punto de partida que facilita a reflexión futura sobre “unha realidade terca e dura que nos sitúa dentro do pensamento das catástrofes e os seus resultados, a súa inevitabilidade, a prevención, a preparación e a loita contra as mesmas”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2009.