Constituíuse na USC a Cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social
Fomentar a docencia, a investigación e a difusión do coñecemento no ámbito do emprendemento social é a principal finalidade da Cátedra Jaime Vera que este venres se constituíu na USC, sendo así xa tres as cátedras dedicadas ao emprendemento na institución compostelá.
O convenio que regula a súa creación asinárono na Casa de Europa o reitor Senén Barro e o director da Fundación Jaime Vera, Francesc Romeu í Martí. Ao acto asistiron ademais o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, e a profesora da USC e directora da Cátedra, Elena Vázquez Cendón.
As actividades da Cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social, que terá unha presenza virtual no sitio web da Fundación e no da USC, dirixiranse a facilitar o intercambio de experiencias investigadoras entre as dúas entidades; colaborar en actividades docentes e alentar a realización de investigacións relacionadas co emprendemento social; e fomentar a cooperación entre a USC, a Comunidade Autónoma Galega, as distintas Administracións Publicas de España, a Unión Europea e o ámbito empresarial.
O emprendemento social refírese á creación e liderado de organizacións, compañías e proxectos cun propósito que, máis alá da rendibilidade do capital, se dirixe cara ao desenvolvemento social do seu contorno. Nesta liña, a USC asumiu o seu compromiso coa responsabilidade social e o desenvolvemento sostible integrándoos como valores que se consideran básicos. Así, o plan estratéxico 2002-2010 actualmente vixente facía unha clara referencia á necesidade de potenciar unha universidade emprendedora, “cun papel activo na sociedade e de crecemento equilibrado”.
A este respecto, a USC, que defende a idea de emprendemento integral, posúe unha importante experiencia en ámbitos relacionados como serían o voluntariado social, a Área de Emprendemento e os Servizos de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE) do Proxecto UNIEMPRENDE, os seus Plans de Desenvolvemento Sostible e de Igualdade –este último en fase de elaboración- ou o Proxecto Ético Global. Ademais, a de Santiago foi a primeira Universidade española en elaborar unha Memoria de Responsabilidade Social.
Xornadas responsabilidade socialLogo da sinatura do convenio os participantes trasladáronse ao Centro de Estudos Avanzados, emprazado no mesmo Parque de Vista Alegre, para inaugurar as xornadas 'A responsabilidade social das empresas. Unha aposta polo progreso da Unión Europea', que organiza o Grupo Socialista no Parlamento Europeo. No acto de apertura participaron o reitor Senén Barro; o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández; o vicerreitor Lourenzo Fernández; o director da Fundación Jaime Vera; e o deputado ao Parlamento Europeo e secretario xeral adxunto da Delegación Socialista Española, Antolín Sánchez Presedo.
A primeira mesa redonda, que moderou o deputado Alejandro Cercas Alonso, versou sobre a responsabilidade social das empresas e nela participaron a secretaria xeral da Fundación Internacional para Iberoamérica da Administración e Políticas Públicas (FIIAPP), Marisa Álvarez, e a responsable do Programa de Sector privado na área de Campañas e Estudos de Intermón Oxfan, Isabel Tamarit.
O seguinte debate, sobre o papel das Universidades e a Responsabilidade Social Corporativa, moderouno a deputada Francisca Pleguezuelos e contou coas intervencións do reitor compostelán e da coordinadora do Plano de Desenvolvemento Sostible da USC e membro do comité executivo do grupo de traballo da CRUE de Calidade Ambiental e Desenvolvemento Sostible, Dora Blanco.
Antolín Sánchez Presedo foi o encargado de expoñer as conclusións, tras as que tivo lugar o acto de clausura no que interviñeron o conselleiro de Traballo da Xunta de Galicia, Ricardo Varela; a deputada do Parlamento Europeo e vicepresidenta da Comisión de Pesca, Rosa Miguélez Ramos; e a directora da Cátedra Jaime Vera en Emprendemento Social da USC, Elena Vázquez Cendón.