Ir o contido principal

A contaminación provocada polos incendios forestais causa máis de 230 mortes ao ano en España

A investigación baséase na análise de máis de 65 millóns de mortes en todo o mundo, con independencia da súa causa, para despois cruzar estes datos coa concentración diaria de materia particulada. FOTO: Santi Alvite
A investigación baséase na análise de máis de 65 millóns de mortes en todo o mundo, con independencia da súa causa, para despois cruzar estes datos coa concentración diaria de materia particulada. FOTO: Santi Alvite
A cifra ascende a 33.500 pasamentos en todo o mundo tal e como evidencia un estudo que acaba de publicarse en 'The Lancet Planetary Health' e no que toma parte o investigador da USC Dominic Royé
Santiago de Compostela

Arredor de 33.500 mortes ao ano débense á contaminación provocada polos incendios. Así o revela un estudo internacional que veu a luz este mércores en The Lancet Planetary Health e no que toma parte o investigador da USC Dominic Royé. O artigo abarca 749 cidades pertencentes a 43 países —52 das cales son españolas—, analizadas entre o 31 de decembro de 2016 e o 1 de xaneiro de 2020.

Este estudo, o primeiro global que vincula a contaminación coas mortes relacionadas cos incendios forestais, evidencia que a exposición a corto prazo ás partículas do aire que teñen un diámetro de 2,5 micrómetros —a denominada materia particulada ou PM (polas súas siglas en inglés)— e que xorden como consecuencia dos incendios forestais, teñen un impacto directo na mortalidade, e de xeito máis específico na mortalidade causada por afeccións respiratorias e cardiovasculares. Xapón con arredor de 7.000 mortes ao ano en 47 cidades encabeza a listaxe dos países máis afectados por esta causa, seguido de México (3.000 mortes en dez cidades), China (1.200 en 15 cidades), Sudáfrica (5.200 en 52 cidades), Tailandia (case 5.300 en 62 cidades analizadas) e Estados Unidos (case 3.200 en 210 cidades).

Máis de 230 mortes en España

A investigación baséase na análise de máis de 65 millóns de mortes en todo o mundo, con independencia da súa causa, para despois cruzar estes datos coa concentración diaria de materia particulada. “Os incendios forestais poden ter impactos directos na saúde, como lesións e mesmo influxo na saúde mental”, explican os investigadores. "Ademais, a contaminación do fume procedente dos devanditos lumes pode estenderse ata 1.000 Km de distancia e agárdase que o risco se vexa incrementado a medida que empeore o cambio climático", engaden. Neste senso, o profesor Dominic Royé matiza que “no caso español concluíuse que a contaminación provocada pola materia particulada dos incendios causa máis de 230 mortes ao ano”.    

Os expertos basean as súas achegas no feito de que estas partículas debido ao seu ínfimo tamaño introdúcense nos pulmóns, a través dos alvéolos das paredes pulmonares e da circulación. Este tipo de materia particulada resulta máis tóxica que a resultante dos incendios urbanos por mor da súa composición: partículas de menor tamaño e asociadas a altas temperaturas. Neste senso, continúa Royé, “resulta imprescindible concienciar á poboación sobre os perigos da contaminación derivada dos incendios forestais, así como tomar medidas para reducir a exposición aos mesmos”. Nesta mesma liña, os autores poñen o foco na necesidade de mitigar o cambio climático como vía para paliar estes efectos tan nocivos para a saúde das persoas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.09.2021.