Ir o contido principal

Continúa aberta a inscrición na Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente

O encontro busca coñecer proxectos innovadores que contribúan á mellora da experiencia docente. Foto: Santi Alvite
O encontro busca coñecer proxectos innovadores que contribúan á mellora da experiencia docente. Foto: Santi Alvite
O 8 de outubro remata o prazo para anotarse neste encontro que se desenvolverá o 14 de novembro en modalidade presencial e virtual

A segunda Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), organizada polas tres universidades públicas galegas, conformará un punto de encontro entre profesorado de educación superior de toda a comunidade para poñer en común experiencias e tecer redes de colaboración das que poidan xurdir novos proxectos. A II Xornada, que mantén como lema ‘Contextos universitarios transformadores: tecendo redes de futuro’, mantén aberta a inscrición ata o 8 de outubro nas súas dúas modalidades de participación: presencial e virtual.

A xornada presencial, na que pode participar calquera persoa interesada, desenvolverase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC o vindeiro 14 de novembro. Ademais, o PDI das tres universidades poderá participar tamén na modalidade virtual, mediante a presentación de pósteres na plataforma UDCAberta. Desta volta hai tres premios, un por cada liña temática, para os mellores pósteres segundo unha comisión avaliadora.

“Logo da celebración da primeira xornada o ano pasado na UDC, temos máis claro que a participación de docentes de todo o sistema universitario de Galicia presentando as súas iniciativas pode activar proxectos innovadores de grande interese que contribúan á mellora da experiencia docente”, sinalan dende a organización do evento.

A conferencia plenaria correrá a cargo do profesor Senén Barro e versará sobre a intelixencia artificial na docencia. A continuación, desenvolveranse un debate sobre  ‘Avaliación para a mellora continua na docencia’ guiado polo profesor da UDC José Antonio García Naya no que participarán o presidente da CGIACA da ACSUG, Santos Rego; o profesor da USC Fernando Fraga Varela, e persoal técnico da Área de Calidade da UVigo.  A seguir, expoñeranse as comunicacións correspondentes aos tres pósteres gañadores dos premios.

Xa en quenda de tarde poderanse coñecer experiencias de innovación docente ligadas á introdución da perspectiva de xénero na docencia -a cargo de Milena Villar-, ao deseño de materiais audiovisuais para o ensino da Física, etc. A xornada concluirá coa entrega de premios aos tres pósters máis votados.

Da organización da Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), forman parte o Centro de Formación de Persoal da USC, o Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE) da UDC e mais a Área de Formación e Innovación Educativa da UVigo.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2024.