Ir o contido principal

Continúa aberto ata o 30 de setembro o prazo para o envío de orixinais ao Concurso Literario 'Mazarelos'

O certame está impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
O certame está impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
Impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Filoloxía da USC, o certame cumpre este ano oito edicións cara ao fomento da creatividade da mocidade universitaria e o estímulo da súa capacidade de expresión en lingua galega

A oitava edición do Concurso Literario 'Mazarelos' segue a recibir orixinais ata o 30 de setembro.  A Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Filoloxía da USC promove estes premios que buscan fomentar a creatividade da mocidade universitaria e desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como contribuír a descubrir potenciais figuras para a nosa literatura. 

O certame está aberto á participación de todo o alumnado da USC e do persoal investigador contratado, que poderán candidatarse en dúas modalidades: temática aberta e temática científica. En ambos os casos, as obras poderán pertencer a calquera xénero literario, e deberán ser orixinais, inéditas e escritas en lingua galega. As persoas participantes na modalidade aberta optan a dous premios de 600 e 400 euros mais diploma, e na modalidade científica a un premio de 500 euros e tamén diploma.   

Nesta edición os orixinais deberán presentarse unicamente en formato electrónico e a través dun formulario en liña. As bases poden consultarse na web do Servizo de Normalización Lingüística (SNL). Co nome deste certame, a CNL de Filoloxía lembra o lugar que viu nacer os estudos filolóxicos e literarios na USC, a praza de Mazarelos, e o edificio agora ocupado por Filosofía, localizacións emblemáticas que mesmo se reivindican na imaxe do cartel anunciador. O certame conta co apoio técnico do SNL da USC e o económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O prazo para o envío de orixinais remata o 30 de setembro
O prazo para o envío de orixinais remata o 30 de setembro
Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.08.2022.