Ir o contido principal

Continúa aberto o prazo de inscrición no Programa de formación e prácticas en empresas para alumnos de excelencia académica

Dirixido a titulados da USC, a iniciativa ten como obxectivo favorecer a empregabilidade dos estudantes coas mellores notas

Co fin de aproveitar o potencial dos alumnos cos mellores expedientes académicos da Universidade de Santiago e favorecer a súa empregabilidade no concello compostelán, a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, en colaboración coa USC e a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, mantén aberto ata o 15 de setembro o prazo para participar no Programa de formación e prácticas en empresas para alumnos de excelencia académica.
A iniciativa, a primeira en Santiago con estas características, oferta cinco prazas noutras tantas empresas. Así, Teleco Santiago demanda un licenciado en Ciencias Físicas, Matemáticas ou Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas; Financiera Maderera (FINSA) un titulado en Enxeñaría Química; e Madesa, Almacén de Carpintería unha persoa de Economía ou de Administración e Dirección de Empresas. Pola súa banda, a Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA) solicita un diplomado en Educación Social e Comercial J.E. Varela un licenciado en Dereito.
Poden presentarse a esta convocatoria os titulados da USC con data posterior ao 1 de xaneiro de 2006 nalgunha das especialidades requiridas, sempre que naceran despois do 1 de xaneiro de 1976. Ademais, os solicitantes non deberán ter máis de seis meses de experiencia laboral previa relacionada coa súa formación nin vínculos coa empresa que oferta a praza.
Tanto as cinco prazas ofertadas como as empresas foron seleccionadas polo Comité de Dirección do Proxecto, integrado por representantes da USC, a Concellaría de Promoción Económica e da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre. O proxecto, froito da Rede de Cooperación Local, fomenta a realización de prácticas laborais durante un ano de duración.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2007.