Ir o contido principal

Continúa no Campus de Santiago a campaña universitaria de colecta de sangue

A segunda campaña universitaria de doazón de sangue continúa a vindeira semana en Compostela, nun intento por relanzar as doazóns entre a comunidade universitaria neste segundo cuadrimestre do curso 2008-2009. Na iniciativa colabora o Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social.
O martes 24 unha unidade móbil permanecerá diante da Facultade de Dereito, en horario de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas, e diante da Facultade de Ciencias da Comunicación, só en horario de mañá.
O mércores 25, a unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia continuará na Facultade de Dereito diante da entrada principal ao longo de todo o día co mesmo horario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2009.