Continúa o ciclo de concertos Lubicán coa actuación de Abraham Boba
Os concertos do ciclo Lubicán do ano 2009, organizado dentro do Convenio Lugo Cultural, continúan este xoves 30 coa actuación de Abraham Boba, que presentará o seu disco ‘La educación’ ás 21:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo. Con esta serie de actuacións ao longo do ano preténdeuse achegar ao público lugués a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións.
Abraham Boba, nome artístico baixo o que se agocha o músico vigués David Cobas, comezou a súa andaina como cantante do grupo Tedium a mediados dos anos 90, posteriormente pasouse á música instrumental, que tamén deixaría para debutar como Boba en 2007, cun disco homónimo.
En ‘La educación’, o seu segundo traballo nesta etapa, destacan as letras das cancións como retratistas da sociedade e nas que se mesturan as reflexións do autor e a crítica ao conformismo vital.
O ciclo Lubicán, está integrado dentro da programación do Convenio Lugo Cultural, do que forman parte a USC, o Concello de Lugo, a Consellaría de Cultura, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia.