Continúa en Dereito o encontro que analiza a nova regulación das sociedades profesionais
O congreso que sobre a Lei 2/2007 de sociedades profesionais se está a celebrar na Facultade de Dereito pecharase este venres, día 7, cunha serie de conferencias en horario matinal. O encontro inaugurouse este xoves coa presenza do vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; da directora xeral de Xustiza, Begoña Santos; do decano do Colexio Notarial de Galicia, José Manuel Amigo; e dos codirectores do encontro, os profesores Javier Framiñán e Belén Trigo.
A xornada do venres comezará ás 10:00 horas cunha intervención da profesora García Pérez, da Universidade de Granada, titulada ‘Exclusión e separación do socio profesional’ para continuar co catedrático da Pública de Navarra Perdices Huetos que falará sobre o reembolso das cotas de liquidación.
A responsabilidade no contexto das sociedades profesionais será a cuestión a tratar ás 12:00 horas polo catedrático da USC Manuel Botana Agra, a quen lle seguirá a conferencia do profesor de Dereito Civil da Universidade italiana de Perugia, o profesor Morlupo, que explicará as sociedades profesionais do dereito dese país europeo. Tras esta intervención, o decano de Dereito Luis Míguez clausurará o encontro.
A LeiAínda que a lei resolve as dúbidas sobre a admisibilidade das sociedades profesionais en España, os organizadores do encontro consideran que o texto da norma suscita cuestións “controvertidas” tanto desde o punto de vista teórico como respecto á súa aplicación práctica. O congreso servirá entón de foro de debate nesa materia, cunha aproximación interdisciplinaria e co apoio na perspectiva do Dereito Comparado.