Ir o contido principal

Continúa en Lugo o ciclo musical Lubicán 2012 co concerto de Vaamonde, Lamas & Romero

Cartel promocional do novo disco de Vaamonde, Lamas & Romero,
Cartel promocional do novo disco de Vaamonde, Lamas & Romero,
O recital será o xoves 8 no auditorio Gustavo Freire da capital lucense e nel o trío presentará os temas do seu novo álbum,

O ciclo de concertos Lubicán 2012, organizado pola USC en colaboración co Concello e a Deputación de Lugo, continúa cun novo recital o xoves 8 a cargo do trío Vaamonde, Lamas & Romero. O grupo composto por Suso Vaamonde (gaita, pandeireta, triángulo e voz), Pedro Lamas (saxo e voz) e Xosé Lois Romero (acordeón e voz) incluirá no repertorio cancións do seu último traballo, O tambor de prata, no que se rende homenaxe ao cuarteto Os Trintas de Trives, histórica formación ourensá de primeiros do século vinte. Na presentación do concerto participaron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o deputado da área de Cultura e Turismo da Deputación lucense, Mario Outeiro; o edil de Cultura do Concello de Lugo, Antón Bao; e Pedro Lamas, compoñente da formación. Vaamonde, Lamas & Romero propoñen, como é habitual neles, un espectáculo que vai máis alá do puramente musical, pois a súa posta en escena combina a partes iguais música, teatro e humor nunha actuación “retranqueira, cómica e libre de prexuízos”, como eles mesmos a definen. O concerto será ás 20.30 horas no auditorio Gustavo Freire de Lugo, e a entrada é gratuíta ata completar a capacidade da sala. O ciclo de concertos Lubicán, que se seguirá desenvolvendo ata finais de ano, encádrase dentro da oferta do programa Lugo Cultural 2012. Outras citas en marzo Durante este mes de marzo a USC propón outras dúas citas musicais, dentro do programa Músicas a Carón da Mosqueira, no que tamén participan a Deputación e o Concello. A primeira delas é un novo recital do ciclo Unijazz, a cargo de Carme Canela (voz) e Joan Monné (piano). A actuación será o luns 12 ás 20.00 horas na Casa do Saber. Dentro do ciclo de música clásica, o martes 20 actuará o cuarteto de corda Gerhard, que interpretará obras de Haydn, Janacek e Beethoven. O concerto será tamén na Casa do Saber ás 20.00 horas. De esquerda a dereita, Mario Outeiro, Antón Bao, Pedro García Herradón e Pedro Lamas, durante a presentación do concerto de Vaamonde, Lamas & Romero

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2012.