Continúa o monográfico de 'Músicas para a escola' coa presenza de François Delalande como relator
A Vicerreitoría de Cultura da USC dá continuidade este venres 23 á segunda parte do curso monográfico ‘Músicas para a escola: músicas contemporáneas e pedagoxía de creación musical’, de dúas xornadas que correrán a cargo do músico francés François Delalande, responsable das investigacións en Ciencias da Música no Grupo de Investigación Musical do Instituto Nacional do Audiovisual de París.
Ao longo destas dúas últimas sesións, os días 23 e 24 de xaneiro, Delalande achegará a súa visión da relación entre a música e a pedagoxía e o desenvolvemento das condutas musicais no neno. Neste aspecto, este compositor foi un dos principais artífices da renovación da pedagoxía musical, orientada cara á creación desde a máis tenra infancia.
Este monográfico, que se organizou baixo a dirección de Inmaculada Cárdenas, está destinado a mestres en activo, profesores de música en xeral e estudantes universitarios, especialmente para estudos de Educación.
As xornadas terán lugar no salón de actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado. O horario das clases será o venres de 9:00 a 14:30 e de 16:00 a 20:00 horas e o sábado só pola mañá co mesmo horario. O monográfico está incluído dentro do programa cultural do Campus de Lugo.