Continúa a I Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
Dando continuidade ás actividades que o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) desenvolve na súa I Semana da Ciencia, Hans Bantilan impartirá este mércores 14 a charla ‘Buratos negros’, especificamente dirixida a estudantes de Física. Será na Aula Magna da Facultade de Física a partir das 20.00 horas.
Xa o xoves 15 será a quenda do I Concurso de Comunicación Científica do IGFAE, nunha sesión a partir das 18.00 horas na que se resolverá a competición de monólogos científicos e se entregarán os premios das categorías de artigos e experimentos, demostracións ou aplicacións móbiles. De xeito paralelo, entre os mércores 14 e o venres 16 desenvolverase un ‘Curso de Comunicación Científica’ a cargo de Eduardo Sáenz de Cabezón e Héctor Urién para o que é preciso realizar inscrición previa e que está dotado cunha carga lectiva de 13 horas.
Ademais destas actividades, persoal investigador do Instituto impartirá esta semana e en datas próximas conferencias en distintos centros de ensino secundario de toda Galicia para dar a coñecer a actividade que se desenvolve no IGFAE.