Continúan os concertos do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira' coa actuación o luns de José Antonio Domené
O ciclo de ‘Músicas a carón da Mosqueira’, do Convenio Lugo Cultural, continuará este luns 2 de marzo coa actuación de José Antonio Domené, cun concerto de arpa, na Fundación Caixa Galicia a partir das 20:30 horas. Este ciclo consta de oito actuacións, das que xa se celebraron catro e que achega a Lugo a música clásica coa participación de numerosos artistas.
Domené ofrecerá na cidade unha mostra do seu traballo, distinguido con numerosos premios e protagonista en eventos de carácter internacional. Este músico participou en numerosas orquestras entre as que destacan a da Ópera de Brasov, de Rumanía; a Filharmónica Eslovaca; a Orquestra Sinfónica de Massachussetts, en Estados Unidos; ou a Filharmónica de Turinxia, en Alemaña. O programa desta actuación constará de sete pezas de Alvars, Godefroid, Pierné, Guridi e Britten, entre outros.
O próximo concerto dentro deste ciclo terá lugar en abril da man de Manuel Díaz e Charo Pita. As persoas interesadas en obter máis información sobre este ciclo e do resto da programación de Lugo Cultural poden facelo a través do seu web www.lugocultural.es.