Ir o contido principal

Continúan as visitas guiadas aos restos romanos do edificio da Vicerreitoría do Campus de Lugo

Os alumnos do IES de Meira sorprendéronse cos contidos que compoñen a exposición situada a carón do xacemento arqueolóxico
Os alumnos do IES de Meira sorprendéronse cos contidos que compoñen a exposición situada a carón do xacemento arqueolóxico
Arredor de 50 alumnos do IES Pedregal de Irimia de Meira asistiron a unha explicación audiovisual e realizaron un percorrido pola exposición e a escavación

Os restos arqueolóxicos atopados durante a rehabilitación e acondicionamento do edificio que acolle a Vicerreitoría do Campus de Lugo seguen a recibir as visitas de grupos interesados en coñecer un dos xacementos romanos máis completos dos que dispón a cidade. Nesta ocasión o grupo estivo formado por arredor de 50 rapaces e rapazas de primeiro e segundo de ESO e de primeiro e segundo de Bacharelato do IES Pedregal de Irimia, de Meira. Na visita, de máis dunha hora de duración, os alumnos tiveron ocasión de asistir a unha charla didáctica por parte do arqueólogo Celso Rodríguez, director da escavación, na que tamén se proxectou unha reconstrución en 3D do xacemento. A visita continuou pola propia escavación, na que os traballos arqueolóxicos, que aínda continúan, se retomarán en breve. Finalmente, o grupo de escolares fixo un percorrido pola exposición anexa á escavación, onde se mostran os obxectos e elementos máis interesantes atopados no xacemento, non só da época romana, senón tamén nos diferentes estratos estudados, desde a época prerromana á idade contemporánea. A Domus do Mitreo Os traballos de construción do edificio que acolle a sede da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, situado na praza da catedral lucense, permitiron o achado dunha antiga domus romana datada no século I da nosa era. Trátase dunha ampla edificación que ocupa unha extensión superior aos 600 metros cadrados, e da que se conservan, ademais dos muros mestres, paredes, pinturas e canalizacións, unha estancia-templo dedicada ao deus Mitra, unha das divindades adoradas nas últimas épocas do Imperio romano. Parte da vivenda foi destruída no século III debido aos traballos de construción da muralla romana que rodea a cidade. Entre os restos atopados durante os labores arqueolóxicos destaca unha ara romana, unha das mellor conservadas de toda a Hispania, erixida na honra do deus Mitra e cunha inscrición perfectamente lexible en todo o seu texto. Ademais deste altar, na escavación apareceron tamén restos de cerámica, numismática, vidro, mobiliario metálico e elementos de bronce, a maioría dos cales se poden visitar na exposición. Ademais de para as visitas concertadas, a exposición está aberta todos os venres en horario de 19.00 a 21.00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.02.2012.