Ir o contido principal

Continúan as xornadas de presentación da USC coas charlas nas Facultades de Ciencias e Administración e Dirección de Empresas de Lugo

A Universidade de Santiago continúa esta semana as súas xornadas de presentación para novos estudantes, promovidas pola Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social. Nestas sesións, membros da comunidade universitaria explican aos universitarios de novo ingreso, tanto do Campus de Lugo como do de Santiago, o funcionamento dos servizos da USC, a súa oferta académica, cultural ou deportiva entre outros asuntos. Este martes, día 9, será a quenda da Facultade de Administración e Dirección de Empresas ás 10:30 horas e da Facultade de Ciencias ás 12:00 horas.
Nas súas intervencións, os relatores explicarán a oferta de servizos da USC como a Oficina de Información, o Centro de Linguas Modernas, a Rede de Aulas de Informática, o Servizo de Normalización Lingüística ou o Servizo de Xestión Académica, pero ademais abordarán o funcionamento interno da USC comentando o papel do Consello Social e da figura do Valedor Universitario, o sistema de bolsas ou a rede de residencias.
Nestas presentacións participarán o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos; o director do Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Autoemprego, José Manuel González Díaz; o Valedor da Comunidade Universitaria, Florencio Arce; Fátima Teixeiro, do Servizo de Participación e Integración Universitaria; o secretario do Consello Social, Benigno Carril Pérez; e Xusto Rodríguez Río, do Servizo de Normalización Lingüística.
Campus de SantiagoNo Campus de Santiago as presentacións comezarán a vindeira semana e se prolongarán ata o día 23 de outubro percorrendo máis de quince centros. Deste xeito, o luns día 15, será a quenda da Escola Universitaria de Relacións Laborais e das Facultades de Ciencias Políticas e Matemáticas, o martes 16 das Facultades de Química, Dereito e Xeografía e Historia. Para o mércores 17 están previstas charlas na Facultade de Ciencias da Comunicación, e nas Escolas de Enxeñaría e Enfermaría e o xoves na Escola de Óptica, e nas facultades de Filosofía e Filoloxía. Para rematar a semana as presentacións visitarán as facultade de Bioloxía e Ciencias da Educación. O luns 22 continuan as xornadas de presentación en Farmacia e Ciencias Económicas e Empresariais, rematando o mércores 23 en Medicina, Psicoloxía, Ciencias da Educación do Campus Sur e Física.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.10.2007.