Ir o contido principal

Continúan este xoves as charlas de orientación laboral inauguradas na Politécnica de Lugo

A segunda xornada irá dirixida a estudantes no ámbito agrícola e industrial

A Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo continúa este xoves 5 coas últimas sesións das ‘Xornadas de orientación laboral: A consecución dun emprego’ que se veñen desenvolvendo no centro e que foi inaugurada o mércores 4 polo vicerreitor de Coordinación do campus lugués, Carlos Herrero, acompañado da subdirectora de prácticas e orientación laboral do centro, Rosa Romero; do subdirector de Infraestruturas, Emilio Carral; do director da ACSUG, Ernesto Abalde, e da orientadora laboral da USC, Teresa Hermo.
Estas sesións teñen como obxectivo principal a difusión do alto grao de inserción laboral que posúen as titulacións que actualmente se imparten na EPS. As xornadas perseguen, ademais, orientar aos universitarios no proceso de consecución dun emprego. Así, as charlas do xoves estarán dirixidas a estudantes de Enxeñaría Técnica Agrícola e Enxeñaría agrónoma e contarán coa presencia de representantes das empresas do ámbito agroindustrial Rodespi, Cofrico e Casa Macán.
Por outra banda, o técnico da área de Autoemprego do Campus de Lugo Pablo Fontela achegará unha relación dos requisitos e das dificultades que conleva a creación dunha empresa. Durante a súa charla, estará acompañado de antigos alumnos de titulacións de Enxeñaría Técnica Agrícola e Enxeñaría Agrónoma, como o director técnico das Adegas Tollodouro, Guillermo Hermo, ou o responsable da oficina técnica de Calfensa Proxectos, Jorge Piñeiro, que contarán as súas experiencias profesionais.
A asistencia ás sesións é gratuíta e os participantes que desexen un certificado deberán inscribirse na conserxería da EPS.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2009.