Ir o contido principal

Contrastan a viabilidade económica dunha biorrefinería de bioetanol, biopolímeros e ectoína a partir de palla de trigo

María López Abelairas, no centro da imaxe, xunto aos integrantes do tribunal e aos directores da investigación.
María López Abelairas, no centro da imaxe, xunto aos integrantes do tribunal e aos directores da investigación.

A investigadora María López Abelairas propón a utilización de bioprocesos para a produción dun biocombustible (etanol), un bioplástico (polihidroxibutirato) e un composto de alto valor engadido (o soluto compatible ectoina) utilizando como materia prima a palla de trigo. Ademais, a produción conxunta destes tres produtos integraríase nunha biorrefinería, como solución a curto prazo para chegar a unha produción máis eficiente, económica e medioambientalmente favorable. Segundo María López a viabilidade económica do proceso aumenta de maneira significativa cando se contempla unha produción combinada de bioetanol, biopolímeros e ectoína e un produto que non sexa etanol é a principal fonte de ingresos. Neste mesmo senso e segundo o traballo de investigaciónr realizado, o impacto ambiental da produción de bioetanol é inferior ao atopado na obtención do biocombustible a partir de cereal ou aplicando un pretratamento fisicoquímico. A tese desenvolveuse no Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC dirixida polo profesor Juan Lema e o investigador Thelmo A. Lú Chau, ambos os dous do grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química. A proposta da doutora López Abelairas desenvolve un pretratamento biolóxico baseado no uso de ligninolíticos capaces de degradar e modificar a palla de trigo, substituíndo así os pretratamentos químicos ou fisicoquímicos máis habituais, ademais dunha etapa de hidrólise encimática, para a rotura dos polisacáridos presentes na palla pretratada nos seus monómeros. Ademais, a investigadora converteu estes monómeros en produtos de interese mediante diferentes procesos biolóxicos: unha fermentación alcohólica para a produción de bioetanol e un proceso bacteriano no que o carbono dos azucres almacénase nos microorganismos en forma dun polímero biodregadable (polihidroxibutirato), ademais doutros compostos de alto valor engadido tales como as ectoinas, aminoácidos con diversas aplicacións na industria cosmética e farmacéutica. O tribunal, que lle concedeu a cualificación de Sobresaliente cum laude, presidiuno Alexander Steinbüchel, catedrático de Bioloxía do Institut für Molekulare Mikrobiologie und Biotechnologie da Westfälische Wilhelms-Universität, e integrárono ademais Mª Manuela Regalo de Fonseca, profesora do Departamento de Bioenxeñaría da Universidade de Lisboa; Eulogio Castro Galiano, catedrático do Departamento de Enxeñaría Química, Ambiental e dos Materiais da Universidade de Xaén; Mª Teresa Moreira, catedrática do Departamento de Enxeñaría Química da USC; e Gemma Eibes González, investigadora do Departamento de Enxeñaría Química da USC. Co título 'Bioprocesses for production of Fuels, Chemicals and Polymers from Lignocellulosic Material', parte do traballo da tese foi realizado en colaboración co Grupo de Biodegradación de Lignina do Centro de Investigaciones Biológicas (CSIC, Madrid) e do grupo do profesor Steinbüchel no IMMB (Münster, Alemania). Neste último centro María López realizou unha estadía de investigación para poder optar a mención de doutoramento europeo. A financiación do traballo foi posible grazas a colaboración coas empresas Bioetanol Galicia e ABENGOA Bioenergy, no marco de tres proxectos financiados pola Xunta de Galicia (programa REM) e a administración estatal (programas CDTI e Plan-E).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.01.2014.