Ir o contido principal

Convidan aos máis pequenos do Colexio Pío XII a levar o seu peluche enfermo ao médico nunha orixinal iniciativa

A Asociación de Estudantes da Facultade de Medicina da USC ME.I.GA (Medicina Intercambios Galicia) está realizando diversas actividades durante este mes de abril dirixidas á cidadanía en xeral, unha acción que se repite con éxito ano tras ano por estas datas. Dirixida aos máis pequenos, organízase o ‘Hospital de Osiños’ no que se intenta que perdan o medo á bata branca xogando a ser eles os médicos de diversos peluches á vez que se busca unha maior integración de prácticas saudables na súa vida cotiá. MEIGA decidiu propor esta actividade aos centros de ensino primario de Santiago, sendo o colexio Pío XII o primeiro en abrir as súas portas. Deste xeito, durante a mañá dos días 10 e 11 de abril, nenos e nenas de 5 e 6 años dese centro acompañarán o seu peluche enfermo ao ‘Hospital de Osiños’, emprazado no propio centro, para participar na súa diagnose e curación e á vez aprender nocións de alimentación, hábitos de vida saudables, hixiene e coñecemento do corpo humano mediante xogos e concursos. O proxecto Teddy Bear Hospital (TBH) é unha iniciativa internacional difundida pola Federación Internacional de Estudantes de Medicina (IFMSA) que ten como comité local en Santiago a asociación Medicina e Intercambios de Galicia (ME.I.GA).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2013.