Ir o contido principal

Convocada a oitava edición do Concurso literario ‘Mazarelos’

Cartel do certame
Cartel do certame
O certame está aberto ata o 30 de setembro á participación de todo o alumnado da USC e do persoal investigador contratado a través de orixinais que poden axustarse ás modalidades de temática aberta ou científica
Santiago de Compostela

Fomentar a creatividade da mocidade universitaria e desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como contribuír a descubrir potenciais figuras para a nosa literatura son os obxectivos que guían a Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Filoloxía da USC para convocar por oitava vez o Concurso literario ‘Mazarelos’.

“Son moitas as figuras literarias galegas que estudaron nas aulas da nosa Universidade: Castelao, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Chus Pato, Suso de Toro, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Antón Riveiro Coello, Xela Arias, Antón Lopo, Fran Alonso, Miro Villar, Marta Dacosta, Olga Novo, ou Rosa Aneiros, entre outros; e en Filoloxía sempre houbo iniciativas como certames e revistas literarias, lembremos Ólisbos, para dar acubillo á creatividade no eido das letras galegas”, apuntan dende a organización do certame.

Xa que logo, ‘Mazarelos’ recupera a tradición da Facultade para descubrir e proxectar novas voces que poidan chegar a ser figuras da literatura galega. “De feito algunhas das persoas premiadas en edicións anteriores xa despuntan no noso panorama literario, como Arancha Nogueira, Alba María Rodríguez ou Xián Lois Alcayde Dans”, engaden dende a Comisión de Normalización.

O concurso está aberto á participación de todo o alumnado da USC e do persoal investigador contratado, e poderán facelo en dúas modalidades: temática aberta e temática científica. En ambos os casos, as obras poderán pertencer a calquera xénero literario, e deberán ser orixinais, inéditas e escritas en lingua galega. O prazo para a presentación rematará o 30 de setembro de 2022. Os participantes na modalidade aberta optan a dous premios de 600 e 400 euros mais diploma, e na modalidade científica a un premio de 500 euros e tamén diploma.   

Novidades

Nesta edición os orixinais deberán presentarse unicamente en formato electrónico e a través dun formulario en liña. As bases poden consultarse na web do Servizo de Normalización Lingüística (SNL). Co nome deste certame a CNL de Filoloxía lembra o lugar que viu nacer os estudos filolóxicos e literarios na USC, a praza de Mazarelos, e o edificio agora ocupado por Filosofía, localizacións emblemáticas que mesmo se reivindican na imaxe do cartel anunciador. O certame conta co apoio técnico do SNL da USC e o económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.04.2022.