Convocada a sétima edición do Concurso de Comunicación Científica IGFAE C3
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, convoca un ano máis o seu Concurso de Comunicación Científica IGFAE C3. Poderán participar no certame persoas de todo o mundo, que aborden nos seus traballos temáticas relacionadas coa Física, especialmente nas áreas de investigación do IGFAE (física de partículas, astropartículas ou nuclear, astrofísica, física médica ou áreas relacionadas).
O concurso divídese en catro categorías: fotografía, vídeo, artigos e proxectos orixinais, ás que se poderán presentar propostas desenvolvidas en galego, español ou inglés. En cada unha delas outorgarase un premio de 400 euros.
Anímase especialmente a participar ao persoal investigador dos organismos públicos de investigación; estudantes de doutoramento, máster e grao; alumnado de ESO e Bacharelato e profesorado que traballa no ámbito da docencia da Física, así como profesionais da divulgación científica e xornalistas.
Este certame ten por obxectivo fomentar o interese pola cultura científica e estimular a aprendizaxe da Física e os seus fundamentos. Trátase dunha iniciativa do grupo de divulgación do IGFAE, e forma parte da VII Semana da Ciencia do IGFAE, que terá lugar no mes de novembro de 2024. No marco desta celebración, anunciaranse os traballos gañadores.