Ir o contido principal

Convocada a XVI Edición dos Premios á calidade lingüística

Os XVI Premios á calidade lingüística abranguen todas as titulacións da USC. FOTO: Santi Alvite
Os XVI Premios á calidade lingüística abranguen todas as titulacións da USC. FOTO: Santi Alvite
O prazo para concorrer a este certame remata o 31 de xullo, no caso dos traballos académicos de curso, e o 30 de setembro no caso de TFG e TFM
Lugo, Santiago de Compostela

A XVI Edición dos Premios á calidade lingüística ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre o estudantado, ligado ao espallamento da cultura da calidade na elaboración e defensa dos seus traballos. Con este certame prémiase os mellores traballos académicos, fin de grao (TFG) e fin de mestrado (TFM) redactados en galego no presente ano académico.

Esta iniciativa impulsada dende o Servizo de Normalización Lingüística, concede cinco premios á calidade, un por cada grande área de coñecemento, en cada unha das tres modalidades, o que fai un total de 15 premios. Os traballos académicos de curso son recoñecidos cun premio de 150 euros por cada unha das grandes áreas de coñecemento. Pola súa parte, os TFG serán premiados con 300 euros; mentres que os TFM recibirán 500 euros. En todos os casos, os gañadores e gañadoras reciben ademais un diploma para o seu currículo. 

Os XVI Premios á calidade lingüística abranguen todas as titulacións da USC, e daquela, todos os estudantes de grao, enxeñaría ou mestrado da USC que fagan os seus traballos en galego e obteñan cando menos a cualificación de aprobado poderán optar a estes premios, que contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O prazo para presentarse aos XVI Premios á calidade lingüística remata o 31 de xullo, no caso dos traballos académicos de curso, e o 30 de setembro no caso de TFG e TFM. Para optar aos premios só cómpre presentar unha copia do traballo, unha vez que estea aprobado, xunto cos datos que se solicitan, nos rexistros da USC. Nesta ligazón, poden consultarse as bases completas do certame. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.02.2020.