Convocado un concurso de lemas en galego para a promoción da EPS de Lugo durante o próximo curso
A comisión de normalización lingüística da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo vén de convocar un concurso de lemas ou slogans en galego para a promoción deste centro universitario durante o vindeiro curso 2013-2014 e afondar e reforzar o uso da lingua galega nas ensinanzas técnicas.
Esta convocatoria, que está aberta á participación de todas as persoas maiores de 16 anos residentes en Galicia, agasallará cunha tablet valorada en máis de 200 euros ao autor/a da proposta mellor valorada polo xurado do concurso, que tamén poderá declarar deserto o premio. As bases deste concurso establecen que cada participante poderá presentar como máximo dúas propostas orixinais de lemas en lingua galega de non máis de 140 caracteres cada unha. O non cumprir estes requisitos determinará a exclusión automática do concurso. O prazo de presentación das propostas rematará o vindeiro 30 de abril de 2013 e o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, fará pública a resolución do concurso o 14 de maio, unha vez que o xurado encargado complete a avaliación das propostas recibidas. Os interesados en tomar parte no concurso de lemas da Escola Politécnica Superior convocado pola comisión de normalización lingüística do centro poderán presentar as súas respectivas candidaturas nun sobre cerrado na conserxería da EPS, no rexistro da USC, dirixido á comisión de normalización lingüística da Politécnica ou tamén a través da aplicación de Facebook https://www.facebook.com/EPSLugo.
As propostas presentadas para o concurso deberán ir acompañadas de datos da persoa autora, tales como o seu nome e apelidos, enderezo postal e electrónico e teléfono móbil, ademais dunha fotocopia do seu DNI. As persoas que participen a través de Facebook deberán acreditar estes datos a posteriori.