Ir o contido principal

Convocados dous cursos dirixidos á elaboración de unidades didácticas e á obtención de recursos para a linguaxe xurídica en galego

A matrícula para os dous remata este 31 de xaneiro

As Comisións de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior e da Facultade de Dereito organizan uns cursos enmarcados no Programa de Formación e Innovación Docente e dirixidos á elaboración de unidades didácticas e á obtención de recursos para a linguaxe xurídica en galego. A matrícula remata este 31 de xaneiro.
Dirixido ao persoal docente e investigador do Campus de Lugo, o obradoiro de elaboración de unidades didácticas en galego impartirase en sesións presenciais entre o 6 e o 9 de febreiro e o 9 e 19 de xuño na Escola Politécnica Superior.
Con este curso trátase de promover a elaboración e utilización de unidades didácticas de calidade como instrumento docente e facilitar a publicación de materiais por parte do profesorado da USC, mediante soportes variados pero cun formato único. Deste xeito, mellorarase a calidade formal e lingüística da documentación docente que se utiliza na USC e que se lle facilita ao alumno.
Contidos pedagóxicos, lingüísticos e relacionados co proceso de edición conforman a estrutura do curso que, ademais das sesións presenciais, inclúe un traballo individual de elaboración dunha unidade didáctica relacionada cunha materia que impartan os profesores asistentes.
Linguaxe xurídica en galegoO curso ‘Linguaxe xurídica en galego: recursos’, que se desenvolverá entre o 6 e o 19 de febreiro cunha duración total de 20 horas, diríxese ao persoal docente e investigador da Facultade de Dereito e, de quedar prazas vacantes, ao da Facultade de CC. Políticas e da Escola de Relación Laborais.
Os asistentes adquirirán coñecementos básicos sobre redacción, recursos de apoio e lexislación básica sobre o uso das linguas e do galego coa fin de manexar ferramentas axeitadas para usar o galego e empregar fontes de apoio sobre lexislación lingüística. Trátase, en definitiva, de apoiar o uso da lingua galega no ámbito profesional con confianza e seguridade e reflexionar sobre a democratización desa linguaxe específica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.01.2008.