Convócase a preselección de candidaturas para participar no ciclo ‘Novos Talentos Musicais’

A Universidade de Santiago e a Asociación Compostela Sound buscan músicos galegos que participen na segunda edición do ciclo de concertos ‘Novos Talentos Musicais’ que se desenvolverá en Compostela entre os meses de febreiro e marzo.
As persoas interesadas –que deben ser galegas, residentes ou estar estudando música en Galicia e non ter máis de 29 anos- deberán formalizar a súa inscrición con data límite o 22 de decembro para logo, o 14 de xaneiro, participar nunha audición da que sairán os artistas definitivos.
O ciclo ‘Novos talentos musicais’ naceu para promocionar os novos valores que están a xurdir no ámbito musical, sexan solistas de calquera instrumento, cantantes ou grupos de música de cámara. Esta segunda edición constará de nove recitais compartidos que terán lugar no Paraninfo da Universidade.