Ir o contido principal

O uso conxunto das enerxías eólica e das olas reduce á metade os custes de produción, conclúe unha investigación do Campus Terra

Sharay Astariz, entre Rodrigo Carballo e Gregorio Iglesias, na Escola Politécnica Superior
Sharay Astariz, entre Rodrigo Carballo e Gregorio Iglesias, na Escola Politécnica Superior
A enxeñeira luguesa Sharay Astariz defende na súa tese, dirixida por Gregorio Iglesias e Rodrigo Carballo, as vantaxes dos parques combinados de enerxía eólica e undimotriz

O uso e o aproveitamento conxunto de dúas enerxías renovables como o son a eólica e a undimotriz reduce á metade os custes de produción, segundo conclúe a enxeñeira luguesa formada no Campus Terra da USC Sharay Astariz na tese de doutoramento titulada ‘Combined wave and wind energy: synergies and implementation’, unha investigación dirixida polos profesores Gregorio Iglesias e Rodrigo Carballo que vén de defender na Escola Politécnica Superior de Lugo.

A investigación desenvolvida por Sharay Astariz ao abeiro do programa de doutoramento da USC ‘Enerxías renovables e Sustentabilidade Enerxética’ antóllase como un estudo que reforza as potencialidades das enerxías renovables, en especial as enerxías mariñas como o son a producida polas olas e a enerxía eólica offshore. A enerxía mariña é unha das alternativas máis prometedoras ao emprego dos combustibles fósiles, debido, cando menos en parte, á grande cantidade de recursos dispoñibles.

As dificultades que depara o aproveitamento deste tipo de enerxía e o elevado custe que este proceso implica, debido, en parte, ás duras condicións do medio mariño e ao elevado custe de produción, en parte debido ao incipiente desenvolvemento da tecnoloxía que se precisa, son factores que están a cuestionar o aproveitamento destas fontes enerxética.

Fronte a esta realidade e en aras a fomentar a competitividade destas enerxías e o seu desenvolvemento, a investigadora luguesa propón como alternativa o aproveitamento conxunto destas enerxías, dado que, esta combinación depara unha utilización máis racional do recurso dispoñible e mellora a sutentabilidade. Dunha banda, sinala Sharay Astariz, a combinación destes sistemas ofrece a posibilidade de reducir os custes da enerxía dadas as sinerxías tecnolóxicas que se producen entre ambas renovables.

A investigación de doutoramento que vén de presentar Sharay Astariz na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC analiza, de xeito pormenorizado, mediante simulación numérica, os beneficios que poden derivarse do uso de parques combinados de enerxía eólica e undimotriz. Os resultados das pescudas realizadas neste senso exprésanse en termos económicos, a fin de cuantificar o impacto que teñen estas sinerxías no custe da enerxía.

Os resultados obtidos permiten afirmar que o custe de produción da enerxía podería reducirse á metade a través do emprego de parques combinados, respecto do custe rexistrado independentemente en parques eólicos e de oleaxe. Estas menor carestía dos procesos de obtención e produción sitúa as enerxías mariñas en valores moito máis próximos aos doutras enerxías renovables moito máis consolidadas, o que confirma as múltiples posibilidades e a viabilidade económica do aproveitamento conxunto destas renovables.

Tribunal de tese e cualificación

O profesor titular do Departamento de Enxeñaría Naval e Oceánica da Universidade da Coruña, Luis Carral Couce, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Sharay Astariz Núñez. O investigador no Instituto Xeolóxico do Reino Unido Andrés Payo García e a profesora do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Montserrat Valcárcel, que actuou como secretaria, completaron o elenco de membros dun xurado que cualificou esta tese de sobresaínte cum laude.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2017.