Ir o contido principal

Un conxunto poético de Arancha Nogueira acada o primeiro premio do Concurso Literario Mazarelos

De entre as 22 obras presentadas, o xurado do III Concurso literario Mazarelos acordou por unanimidade conceder o primeiro premio ao conxunto de poemas titulado O aniversario de Arancha Nogueira. Da obra gañadora, o xurado destacou no seu ditame que se trata dun “conxunto cunha estrutura ben trabada, na que a circularidade dos poemas serve de metáfora á experiencia do desamor. Un exercicio completado por imaxes impactantes que caracterizan unha voz moi persoal”.

O segundo premio foi para a serie poética titulada O sentido común de Jorge Rodríguez Durán. Como elementos destacados, o xurado subliñou a “ combinación entre linguaxe cotiá e poética acompañada dun tratamento irónico e con referencias frecuentes”. Finalmente, o xurado concedeu o terceiro premio a Mar de fondo de Valentín Estévez Souto destacando “a súa conexión lovecraftiana coa cultura marineira galega e a complexidade dunha trama de suspende”.

Integraron o xurado a profesora Dolores Vilavedra Fernández, que o presidiu, e Emilio González Miranda, Patricia Fra Lopez e Raúl Gómez Pato, ademais de Mario Regueira Fenrández en calidade de secretario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2017.