Ir o contido principal

A cooperación internacional na ordenación dos mares e océanos, a debate nunhas xornadas internacionais en Dereito

De esquerda a dereita, Jorge Pueyo, Luis Míguez Macho e Julio Jorge Urbina
De esquerda a dereita, Jorge Pueyo, Luis Míguez Macho e Julio Jorge Urbina

Os profesores da USC Jorge Pueyo e Julio Jorge Urbina dirixen as xornadas internacionais que ata este sábado analizarán na Facultade de Dereitio a cooperación internacional na ordenación dos mares e océanos. Ao acto inaugural acudiu o decano da Facultade de Dereito, Luis Miguez Macho.
A primeira sesión do encontro dedicouse á análise da cooperación internacional na articulación do Dereito do mar e deu comezo cunha conferencia do catedrático da Complutense de Madrid José Antonio Pastor Ridruejo. Seguíronlle o catedrático do Instituto de Estudos Internacionais da Universidade de Chile, Francisco Orrego, e Carlos Gabín Sánchez, do Servizo de Produción Pesqueira da Dirección Xeral de Recursos Mariños, con relatorios sobre a busca de alternativas na cooperación internacional e unilateralismo no Dereito do mar e os intereses marítimos e pesqueiros de Galicia, respectivamente.
A seguridade marítima é a cuestión sobre a que xiran os relatorios da tarde ‘Buques petroleiros e danos ambientais: Do Erika ao Prestige’ a cargo do catedrático da Universidade de Valencia José Juste, e ‘A política marítima da UE e a súa achega á prevención da contaminación mariña’ por Valentín Bou, catedrático da mesma Universidade.
Programa do venresA xornada do venres comezará cunha sesión monográfica sobre a cooperación internacional na ordenación dos recursos mariños na que se tratarán cuestións como a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada; as organizacións internacionais de pesqueirías; e as tendencias e escenarios de futuro do comercio pesqueiro. Xa pola tarde, as conferencias analizarán as estratexias de prevención de actividades ilícitas no mar, con relatorios sobre o tráfico ilegal de persoas e a piratería marítima.
O encontro rematará o sábado coa realización dun seminario práctico sobre a cooperación internacional no dereito do mar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2008.