Ir o contido principal

A nova coordinadora do Consello do Estudantado da USC comeza co seu plan de traballo

Foto de grupo de parte da actual coordinadora do Consello do Estudantado da USC
Foto de grupo de parte da actual coordinadora do Consello do Estudantado da USC
A presidencia pasa a ocupala Andrés Couso Viana, que esta semana participa no Consejo de Estudiantes Universitarios del Estado (CEUNE)

O Consello do Estudantado da Universidade de Santiago vén de renovar a súa coordinadora con caras novas pero tamén coa experiencia de quen xa estivera na anterior. Así, o que era o seu vicepresidente, Andrés Couso Viana, pasa agora a ocupar a presidencia.

A nova coordinadora elixida no Pleno do 3 de abril está ademais conformada por Iria Liñares Cereixo como vicepresidenta, Joaquín Moreiras Dacosta como secretario, Lucía Lucía Gil Martínez como tesoreira e Antonio Vázquez Martínez na coordinación do Campus de Lugo, Á fronte da portavocía de Relacións Exteriores e Internacionalización está León Felipe Ureña Sánchez; da de Desenvolvemento Normativo e Calidade, Diego López Seoane; da de Investigación, Lía Pereira Seijo; de Igualdade, Rocío González González; de Infraestruturas e Servizos, Aitor Capeáns Caramés, e de Lingua e Cultura, Carme Giráldez Salgado.

O órgano de representación estudantil mantivo estes días a súa primeira xuntanza de traballo, á que convidaron ao xerente da USC, Javier Ferreira, e á vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que coñeceron de primeira man os seus retos máis inmediatos, como son dar a coñecer este órgano a toda a comunidade universitaria tanto coa mellora da páxina web como coa preparación das II Xornadas de Convivencia e Formación Universitaria que terán lugar a inicios do próximo curso.

A promoción da representación estudantil segue a ser outro obxectivo do Consello do Estudantado. Tal e como apunta Andrés Couso, “tendo en conta o grande éxito das últimas eleccións a Xuntas de Centro, seguiremos co intenso traballo da anterior coordinadora para lograr que cada vez haxa máis representación estudantil”. Ademais, a nova coordinadora quere traballar coa Vicerreitoría de Estudantes e Cultura nas diversas axudas e actividades de dinamización e participación do estudantado na vida universitaria e establecer unha relación cos concellos de Lugo e Santiago coa fin de dar a coñecer ao alumnado da USC as políticas locais que lle afectan.

Representación da USC no exterior
Andrés Couso asiste este martes 16 ao pleno do Consejo de Estudiantes Universitarios del Estado (CEUNE) no que se reunirá co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para trasladarlle varias mocións impulsadas polo Consello: unha de impulso do galego nas Universidades galegas e outra en relación coa situación “deficiente” de mobilidade cara ao Campus de Lugo, ademais doutras máis específicas en colaboración coas sectoriais de psicoloxía, veterinaria e farmacia. Tamén asistirá en xuño á reunión de EUniWell en Nantes en representación do alumnado da USC.

Portavocías
A maiores do plan de traballo xeral da coordinadora, na xuntanza do venres trazáronse os plans específicos de cada unha das portavocías. Así, a de Igualdade formúlase como obxectivo continuar traballando a partir da revisión do informe de Igualdade e Integración Universitaria do Consello do Estudantado da USC redactado no anterior curso académico.

No ámbito das relacións exteriores, tentarán buscar sinerxías entre os representantes estudantís das distintas universidades á hora de resolver problemáticas que afecten o alumnado da USC. Esta portavocía pretende tamén buscar a forma de explotar a alianza EUniWell como ferramenta útil para o alumnado da USC e incrementar o esforzo na Estrutura de Traballo Interasamblearia de Política Universitaria da Coordinadora de Representantes de Estudiantes de Universidades Públicas (CREUP) relativo ao proceso de negociación de normativas universitarias como a aprobación do Estatuto do Estudante en Prácticas, a reforma do RD 592/2014 de regulación das prácticas académicas externas e do RD 1791/2010 Estatuto do Estudante Universitario.

Pola súa banda, a portavocía de Desenvolvemento Normativo e Calidade formúlase como retos inmediatos a negociación coa Universidade para a actualizar a Normativa de Asistencia a clase e as enquisas de calidade docente. Ademais, esforzarase na procura da garantía dos dereitos do estudantado e a mellor construción posible dos novos estatutos da universidade incorporando máis melloras no sistema de garantía de calidade, “como podería ser a incorporación do procedemento METIS ou a promoción do alumnado como axente avaliador nos procesos de calidade na universidade”, explica o seu voceiro.

No ámbito de infraestruturas e servizos, traballarán na busca de novos “espazos saudables” nas distintas facultades da universidade así como na ampliación de prazas e horarios nas bibliotecas durante o período de exames.

 

A coordinadora reuniuse no seu local co xerente e a vicerreitora de Estudantes
A coordinadora reuniuse no seu local co xerente e a vicerreitora de Estudantes
Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.04.2024.