Ir o contido principal

Os coordinadores da política científica europea en física nuclear reúnense na USC

Os coordinadores da política científica europea en física nuclear reúnense na USC
Os coordinadores da política científica europea en física nuclear reúnense na USC
Asisten representantes de catorce ministerios de investigación e axencias financiadoras europeas

Representantes de catorce ministerios de investigación e axencias financiadoras europeas asisten este luns en Santiago á última reunión do consello de goberno da Rede do Espazo Europeo de Investigación en Física Nuclear, NuPNET, incluído no Sétimo Programa Marco de la Unión Europea. Na xuntanza no Centro de Estudos Avanzados da USC faise balance do proxecto e discutirase sobre a súa continuación. A investigación en Física Nuclear en Europa involucra a uns 6.000 investigadores e enxeñeiros cun orzamento anual da orde de 500 millóns de euros e require de grandes infraestruturas científicas internacionais baseadas en aceleradores. Un dos obxectivos de NuPNET -no que participan Alemaña, Bélxica, Bulgaria, España, Finlandia, Francia, Grecia, Holanda, Hungría, Italia, Polonia, Reino Unido, República Checa e Romanía- é coordinar a achega europea á construción de novas infraestruturas científicas aprobadas polo comité ESFRI da Comisión Europea, en particular os proxectos FAIR en Alemaña (1100 M€) e Spiral2 en Francia (180 M€) nos que participan científicos españois. O Ministerio de Ciencia e Innovación intervén neste proxecto a través da Subdirección Xeral de Programas Internacionais, sendo o responsable da participación española o profesor da USC José Benlliure. En concreto, desde España liderouse a xestión e resolución da primeira convocatoria de proxectos internacionais NuPNET. Física nuclear A Física Nuclear ten por obxecto o estudo das primeiras estruturas de materia formadas por partículas fundamentais que son os nucleóns (protón e neutrón) e os núcleos atómicos, así como as implicacións destas estruturas da materia para entender as orixes do Universo e a evolución das estrelas, ou en moitas aplicacións de tipo enerxético (fisión, fusión) ou médico (diagnose PET ou radio-terapia).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2011.